+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O Mercado da Conserva de Bueu complementa esta fin de semana o programa da XVII Festa do Polbo


O primeiro andar da Praza de Abastos acollerá este venres e sábado pola mañá o Mercado da Conserva, a última das seis feiras temáticas organizadas pola concellaría de promoción económica e turismo, para promover o comercio local e galego, ao tempo que se dinamiza a Praza como lugar de compra e incremento das relacións sociais. Como nas edicións anteriores, haberá sete expositores e actividades paralelas, nunha fin de semana na que o mar será o protagonista coa celebración da décimo sétima edición da Festa do Polbo, na que se poderán degustar quince especialidades ademais do tradicional ‘polbo á feira’.
Concretamente, os asistentes atoparán produtos que teñen como leitmotiv a conserva coa participación dos establecementos Obrador de Lamprea, desde o que elaboran conservas e afumados de lampreas capturadas no Río Miño; A perla illas Cíes, unha iniciativa de conservas de centola e nécora de Cambados; Xantarino, que ofrece conservas gourmet de marisco das Rías Galegas; Cannori, con algas; Paco Lafuente, unha empresa tradicional que elaboran as conservas de forma natural e manual; A Despensa na Terra, unha tenda buenense de alimentación e consumo responsable; e A Tenda da Gata, establecemento que apoia o comercio local; e Carabuñas, un proxecto de valorización do sabugueiro, recurso natural con moito arraigo na cultura galega.
O mercado estará aberto ambos os dous días de 10 a 14 horas, só con horario matinal debido a que se trata de tempada de verán. Con todo, seguen as actividades complementarias: o venres ás 11.30 horas organizarase un obradoiro gratuíto de elaboración de conserva de xarda da man de Begoña Pérez, da empresa Obrador de Lamprea. O sábado a partir das 12 horas será a quenda da demostración gastronómica de receitas elaboradas a base de conservas da man da cociñeira Rocío Garrido, editora da web culinaria “A cociña do meu avó” e autora do libro Cociñando coas Razas Autóctonas.
Este mercado temático está subvencionado polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e insírese nos proxectos de dinamización da Praza de Abastos de Bueu e de promoción da economía local. En meses anteriores xa tiveron lugar o mercado de outono, do Entroido, o do pan, o da cervexa e sidra artesá, e da saúde e benestar, este último celebrado a pasada semana.

Deja un comentario