+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación concede 700.000 € a entidades para actuacións en servizos sociais, sociosanitarios e de xuventude


A Xunta de Goberno adxudicou tamén case 2.300 prazas para que persoas maiores se beneficien do programa DepoTermal

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a concesión de subvencións a entidades sen fin de lucro para actuacións no ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e de xuventude, por un importe total de 699.941 €. Apóianse proxectos realizados na provincia e destinados ao mantemento de servizos sociais, sociosanitarios e de xuventude, a través de intervencións que favorezan a inclusión social e laboral.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe en rolda de prensa que concédense axudas a 152 entidades de 28 concellos: Bueu, Cangas, Crecente, A Estrada, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Dende a Deputación aumentouse este ano o orzamento para esta iniciativa en 200.000 € con respecto a anos anteriores, buscando así ampliar a cobertura das axudas. Ademais, esta suba permitiu incrementar tamén a contía máxima subvencionable, que antes era de 6.000 € e agora pasou a 10.000 €.
DepoTermal
En Xunta de Goberno, a Deputación vén tamén de adxudicar as prazas do programa DepoTermal 2016. Un programa, con máis de 102.000 € de orzamento, ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Conta con dous programas: o de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas e o de pernoctación en réxime de pensión completa. En total, 4.286 persoas solicitaron praza en tempo e forma e foron admitidas en ambas modalidades. Por primeira vez na Deputación, este ano reserváronse 434 prazas para que persoas con dificultades económicas se poidan beneficiar deste programa.

Campo de fútbol Meaño
A Deputación aprobou tamén a addenda ao convenio de colaboración co concello de Meaño para levar a cabo o campo de fútbol de céspede sintético. Trátase dun convenio que se asinara o 25 de xuño de 2015, por un importe de 438.447,36 €. Posteriormente, no curso do procedemento, detectouse que o convenio non contemplaba diversas unidades de obra necesarias, e polo tanto, foi necesario que o concello de Meaño achegase un novo proxecto.

Por tal motivo, agora foi necesario modificar o contido do convenio e incorporar unha addenda que inclúa os cambios necesarios para poder executar a obra, que terá un orzamento final de execución de 675.000 €, cuxa diferenza entre o presuposto inicial e o final será asumida polo concello de Meaño.

Deja un comentario