+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

O SERGAS ten unha planificación organizativa e loxística para abordar melloras de mantemento no punto de atención continuada de Vilagarcía de Arousa


Esta previsión enmárcase nun plan de reformas e melloras noutros 22 centros de Atención Primaria, no que a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés ven de investir unha partida económica de 198.500 euros

O Servizo Galego de Saúde ten unha planificación organizativa e loxistica para abordar melloras de mantemento das dependencias do Punto de Atención Continuada do centro de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa, con intervencións de diversa índole para incrementar o seu confort e habitabilidade.

Cómpre sinalar que esta previsión no centro de saúde de San Roque enmárcase nun plan de reformas e melloras noutros 22 centros de Atención Primaria repartidos por toda a área xeográfica, no que a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés ven de investir unha partida económica de 198.500 euros.

Dito plan de reformas e melloras da EOXI de Pontevedra e o Salnés incide en manter uns axeitados stándares de calidade para garantir o eficaz funcionamento das súas dependencias de Atención Primaria, así coma a eficiencia técnica, enerxética e a seguridade dos usuarios e traballadores, conseguindo desta forma a dispoñibilidade permanente dos espazos e as instalacións que requiren o normal desenvolvemento da actividade asistencial.

Melloras e aparataxe no centro de saúde arousán
A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés continuará o vindeiro martes efectuando neste centro arousán labores de pintado, reparacións de fontanería e rehabilitación en diversas consultas e no propio Punto de Atención Continuada, ao que xa se lle incorporaron recentemente novos elementos de cortinaxe nas súas xanelas.

Ditas actuacións dan continuidade loxística ás melloras xa efectuadas no centro de saúde vilagarcián, ao que o SERGAS tamén dotou cun novo electrocardiógrafo, un espirómetro -que reforzou os dous xa existentes- ademáis de equipar recentemente as consultas con novos otoscopios e oftalmoscopios.

Complementariamente, técnicos da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés efectúan labores de control e supervisión nun dos tres desfibriladores cos que conta este centro de saúde -1 deles é automático e 2 son semiautomáticos- dispoñendo neste eido dunha das mellores dotacións deste tipo de aparataxe dos centros de saúde da EOXI.

Servizo público para máis de 300.000 habitantes
Cómpre lembrar que a estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés -EOXI- presta servizo sanitario público a unha poboación de máis de 300.000 habitantes, repartidos en 27 concellos. Formada polo Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e o Hospital do Salnés, tamén abrangue a asistencia de Atención Primaria de 44 centros de saúde e 9 Puntos de Atención Continuada.

Así mesmo, arredor de 3.700 profesionais sanitarios traballan nesta EOXI e conta cun orzamento anual por parte da Administración Sanitaria galega de 345 millóns de euros.

Deja un comentario