+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

O Centro de Formación a Aixola de Marín retoma a súa actividade en setembro con máis de 150 prazas en 13 novos cursos


A inscrición para as novas accións formativas gratuítas está xa aberta e pode formalizarse na súa sede no Porto ou a través da súa páxina web

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, retomará a súa actividade o vindeiro mes de setembro coa convocatoria de máis de 150 prazas en 13 novos cursos que se desenvolverán na súa sede no porto de Marín entre o que queda de ano e 2017.

Dirixidas tanto a persoas en activo como en situación de desemprego, as novas accións formativas terán lugar en sesións de cinco horas, maioritariamente en horario de mañá. A inscrición está xa aberta e a súa formalización é posible no propio centro ou a través da páxina web da Aixola. A selección do alumnado, que non precisa formación académica previa, realizarase a través dunha proba unhas datas antes do comezo do curso.

Toda a formación impartida no centro é gratuíta e está encadrada no rango de formación non regrada, é dicir, non dá lugar a un certificado académico, pero acredita aos alumnos que a cursan cun diploma de adquisición de coñecementos. A duración dos cursos oscila entre as 300 e as 600 horas e a maioría deles desenvolverase en horario de mañá, aínda que haberá tamén algún curso polas tardes.

As primeiras accións programadas poranse en marcha nos primeiros días de setembro. É o caso do curso de “Técnicas innovadoras en composites e madeira”, que con 300 horas de duración prolongarase ata decembro, e do curso correspondente ao certificado profesional de “Confección e mantemento de artes e aparellos” (330 horas), ambos de luns a venres en horario de mañá. Neste último caso, a formación repetirase en marzo de 2017 e será o Servizo Público de Emprego de Galicia o que realizará a pre-selección de candidatos.

A oferta completarase ata finais de ano con cursos de “Composites, modelismo. Modelado manual, infusión e baleiro” e “Carpintería de ribeira”, ambos de 600 horas. Xa no 2017 están previstos cursos de “Velería e Acastillaxe” (350 horas), “Especialista manipulador de plásticos técnicos para acuicultura e pesca” (300 horas polas tardes), “Mecánica e instalación de motores en embarcacións de baixura” (250 horas) e “Instalación eléctrica naval de barcos de pequena potencia” (150 horas).

Programa MANTEMAR
A proposta do Centro de Formación A Aixola para o curso 2016-2017 inclúe como novidade o programa MANTEMAR, que dará comezo tamén en setembro. Trátase dunha serie de cursos curtos e complementarios entre si que proporcionarán a capacitación práctica adecuada cara ao mantemento de instalacións portuarias e náutico-deportivas, así como de embarcacións auxiliares e outros equipamentos marítimos.

A oferta contempla cursos de 100 horas lectivas de reparacións polivalentes en poliéster e en materiais pneumáticos; cursos de acastillaxe e de mecánica de mantemento de motores ou de instalacións eléctrica de embarcacións menores. Esta formación, que inclúe contidos transversais de prevención de riscos laborais, calidade e titorías de reforzo, desenvolverase de luns a xoves polas tardes.

Deja un comentario