+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Mosquera anuncia 600.000 euros para a liña de prevención, ordenación e mellora dos montes da provincia


Terán cabida proxectos que aseguren unha xestión ordenada do monte e que conten cun compromiso de mantemento a longo prazo

“Terán cabida todo o que sexan proxectos de diversificación, ordenación, prevención e mellora do monte” sinalou o presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, durante o anuncio da activación da liña dotada con 600.000 euros destinada a actuacións nos montes da provincia. Unha liña que vai orientada a “axudarlle ás Comunidades de Montes tanto nas zonas queimadas como nas que non se queimaron pero que poden ser melloradas” asegurou Mosquera, que ademais engadiu que “as actuación se realizarán a través dos concellos ou, en todo caso, en colaboración cos concellos”. Con este anuncio asegurou ademais “a total implicación da Deputación” nas actuacións de prevención dos incendios.
Para contar coa opinión e implicación dos concellos, o presidente en funcións explicou que xa está traballando para convocalos no transcurso das vindeiras semanas. “O que queremos é coñecer a súa opinión e ver de encaixar as iniciativas e darlle saída, e ver as actuacións máis razoables de cara ao futuro” sinalou, ao tempo que xa anunciou que “se hai iniciativas e compromiso, desde a Deputación estudaremos a posibilidade de aumentar as cifras desta liña para o ano que vén”.
Mosquera fundamentou a necesidade deste tipo de proxectos na “situación preocupante” derivada dos lumes e no “deterioro ecolóxico masivo que implican, que tamén é do menos se fala”. Neste sentido, tamén fixo referencia á “preocupación dos concellos polos incendios tan potentes que vimos de padecer”. O obxectivo, segundo explicou, será acometer actuacións conxuntas “porque o lume non entende onde acaba un concello e onde comeza outro”, e que aseguren a ordenación e a mellora do monte de cara ao futuro. Insistiu en que non se “trata de facer actuacións puntuais que despois quedan abandonadas e non valen para nada, o que queremos é un compromiso e que se asegure unha viabilidade”.
Como exemplos de actuacións sustentables citou “proxectos que combinen monte con gandaría, ou ordenacións de zonas forestais destinadas a ser desfrutadas pola xente”. Puxo o foco na necesidade de “evitar actuacións urxentes ou para saír do paso”, e asegurou que “un bosque de frondosas unha vez que se consolide levaralle o seu tempo arder, pero un bosque desas características non se consegue dun día para outro”. Outro dos obxectivos mencionados por Mosquera será evitar os lumes ou en todo caso conseguir que sexan menos voraces e máis controlables. “Hai quen di que os lumes se apagan no inverno, nós pensamos que fan falta moitos invernos” engadiu.
César Mosquera insistiu en que, a pesar de que a idea é manter o monte ordenado e coidado e sobre todo previr os lumes forestais, esta liña vai enfocada tanto a zonas de monte queimado como a zonas que non arderon pero que convén ordenar e mellorar a súa xestión.
Agradecemento ao Parque de Bombeiros
César Mosquera aproveitou a comparecencia ante os medios para agradecerlle publicamente os esforzos ao persoal do Parque de Bombeiros, dos que dixo que “traballaron moi por riba do esixido”. Asegurou que os efectivos do Parque de Bombeiros, baixo a demanda da Xunta, estiveron traballando “ao límite da súa capacidade” e que “incluso os traballadores en descanso se incorporaron voluntariamente”. Agradeceu o que denominou “un esforzo voluntario” e sobre todo a súa actuación nas zonas de incendios nas que estiveron ameazas as vivendas.

Deja un comentario