+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Medio Ambiente investirá máis de 260.000 euros na reparación da cuberta do mercado do concello de Moraña


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou o convenio de colaboración neste sentido coa alcaldesa da localidade, Luísa Piñeiro

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, asinaron un convenio de colaboración, cunha dotación global de case 263.000 euros, que permitirán executar un actuación en materia urbanística neste concello.

Grazas e este convenio, que se inscribe no Plan Hurbe, acometerase a reparación da cuberta do mercado. Para iso será necesario demoler as cubertas actuais do edificio e do patio para realizar unha nova estrutura en ambos espazos, de xeito que a nova instalación do patio central se eleve para introducir luz polos paramentos laterais que se xeren con esta elevación.

Tal e como lle manifestou a conselleira a alcaldesa, a Xunta promove e colabora neste tipo de actuación co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Plan Hurbe

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

Deja un comentario