+034 986 09 02 04 Mércores 27 de Maio de 2020

‘Contos de verán’ para a rapazada este xoves en Bueu


Os nenos e nenas de Bueu poderán gozar este xoves ás 20 horas no Centro Social dunha sesión de “Contos de verán” a cargo da compañía Pinga Teatro. Neste recuncho os contos toman vida ao seren interpretados e interactuando o público con eles, o que fai máis potentes os relatos, aderezados con algunha canción participativa e intervencións clownenses. A duración é de 55 minutos e vai destinada a un público familiar cun custe de 3 euros por entrada.
Presentación de libro e obradoiro no Museo Massó
Por outra banda, a Sala Domínguez Búa acolle a presentación do novo libro de Xaime Toxo, titulado Protexer o invisible, no que se recollen vinte e seis relatos sobre a metáfora da desaparición, das diferentes formas coas que se disfraza a extinción, do que foi e puido suceder doutra forma, os elementos ventureiros do destino, a continxencia do azar… Será a partir das oito da tarde.
E dende o Museo Massó continúan cos obradoiros dirixidos a nenos e nenas. Este xoves ás 12 horas é a quenda de “Atando cabos. Nós mariñeiros”, no que a redeira en activo Consuelo Martínez dará a coñecer as técnicas de confección das redes de pesca e os distintos tipos de artes. É necesario inscribirse previamente, aínda que a actividade é gratuíta.

Deja un comentario