+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

O xefe territorial de Medio Ambiente analizou coa alcaldesa de Marín os traballos de mellora da rúa Jaime Janer de Marín


Alberto Fuentes foi invitado pola rexedora para estudar os detalles da execución destas obras de humanización que se inclúen no Plan Hurbe

O xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, Alberto Fuentes, visitou o concello de Marín, invitado pola alcaldesa da localidade, María Ramallo, co obxectivo de analizar o proxecto de execución das obras de humanización da travesía Jaime Janer que se desenvolverán a través do Plan Hurbe.

Estes traballos executaranse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Marín a través do cal se destinarán 150.000 euros para a renovación de beirarrúas, ampliación das redes de abastecemento e saneamento e a instalación e acondicionamento de mobiliario urbano nesta céntrica rúa da localidade. “Con esta obra pretendemos dar unha solución ao tramo máis urbano desta vía a través dunha actaución accesible, mellorando a accesibilidade e a calidade de vida dos veciños”, explicou María Ramallo.

Segundo apuntou Alberto Fuentes, “este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social”.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido desde a súa posta en marcha un total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

Deja un comentario