+034 986 09 02 04 Domingo 19 de Xaneiro de 2020

Entrega da primeira edición dos Premios Mondariz á conservación e rehabilitación arquitectónica


 

O Concello de Mondariz entrega este venres día 26, ás 21 h os premios correspondentes á 1ª edición do Premio Mondariz á Conservación e Rehabilitación Arquitectónica. Con esta iniciativa Mondariz quere contribuír á protección, realce e valorización do patrimonio arquitectónico e etnográfico situado dentro do seu termo municipal. O xurado do premio estivo formado, entre outros, pola arquitecta municipal, Sila Cecilia Martínez Abal, José Granados Marín, Director da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e por Antonio Davila Alonso, Presidente da delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, asegura que “o futuro de Mondariz pasa por reencontrarse co seu pasado, conservando a valiosa arquitectura tradicional que levantaron os nosos antepasados”. O rexedor cre que apostar pola conservación do patrimonio cultural “é unha aposta que nos vai permitir gañar o futuro e diferenciarnos para ben nun mundo cada vez máis global e estandarizado que tamén valora o xenuíno, o auténtico e orixinal”.

Esta iniciativa está apadriñada polo prestixioso arquitecto pontevedrés César Portela, catedrático de arquitectura da Universidade da Coruña, creador de obras como o Museo Verbum de Vigo, o Museo del Mar de Galicia, a ampliación do aeroporto de Peinador ou do edificio da Estación de Autobuses de Córdoba, que o fixo merecedor do Premio Nacional de Arquitectura.

Coa finalidade de divulgar a cultura da conservación e recuperación do patrimonio cultural, os traballos premiados serán expostos na Praza Blanco Lage durante as próximas semanas a fin de que poidan ser coñecidos en detalle pola veciñanza e polos turistas que nos visitan.

Un concello pioneiro en Galicia
Mondariz é o primeiro concello de Galicia en crear un premio destas características, xa que no noso país non existe ningún outro galardón semellante outorgado por un municipio. A propiedade das casas premiadas recibirán un deseño orixinal da artista Irene Silva alusiva ao patrimonio etnográfico e arquitectónico galego, así como unha bonificación do 50% no importe do ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) ou do IBI (Imposto de Bens Inmobles) segundo se trate do premio na modalidade de rehabilitación ou de conservación.

Deja un comentario