+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Moraña solicita a ampliación da senda peonil da PO-226 para completala actuación ata o núcleo de Silvoso


O xefe territorial de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez, percorreu a zona coa alcaldesa para analizar a viabilidade da solicitude

O xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, visitou esta mañá a senda peonil situada na estrada Cuntis-Porráns (PO-226) entre Souto e Moraña por invitación da alcaldesa desta localidade, Luisa Piñeiro, de cara a recoller a súa demanda de ampliar a infraestrutura ata o núcleo de Silvoso.

“Deste xeito completaríamos esta actuación, xa que a senda realizada está a ser moi valorada polos veciños e traballadores das empresas situadas nesta área”, explicou Luisa Piñeiro. “Isto fíxonos presentar esta solicitude ante a Xefatura Territorial de cara a súa avaliación e futura execución”.

A senda peonil executada na actualidade conta con475 metros de lonxitude e está comprendida entre os puntos quilométricos 4+075, na saída núcleo de Souto e 4+550 da PO-226, no polígono da Frieira, xusto antes da entrada da travesía de Moraña. O investimento para a execución das mesmas elevouse a 45.159 euros.

A senda peonil discorre pola marxe dereita da estrada e permite que os veciños destes núcleos conten cun itinerario diferenciado para o uso en exclusiva dos peóns.

Trátase dunha senda formigón de color ocre de entre 1,5 e 1,8 metros de ancho. Nos últimos 60 metros, treito no que a estrada discorre polo polígono industrial, habilitouse ademais unha banda de aparcadoiro. A actuación complementouse coa colocación dun caz para a canalización das augas pluviais entre a calzada e a senda peonil.

Deja un comentario