+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Mos terá unha nova Ludoteca Municipal en Louredo


Será a segunda no municipio, reforzando o servizo da xa existente en San Rafael, parroquia de Pereiras
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que o Concello ten preparado un proxecto de reforma da antiga Escola Unitaria de Louredo para adaptala como Ludoteca Municipal. Para poder acometelo a administración local mosense investirá un importe de 91.000 euros.
Respecto deste proxecto a rexedora local declarou hoxe que “visto o bo funcionamento da Ludoteca de San Rafael que abriu as súas portas a finais de 2014, que rexistra un gran número de usuarios e usuarias non só en horario de tarde entre semana senón tamén as fins de semana; consideramos necesario e moi beneficioso para o municipio a creación dunha nova Ludoteca”. Así mesmo Arévalo explica que “coa gran extensión territorial que ten Mos é importante poder contar con dúas Ludotecas Municipais, tendo en conta ademais que contamos xa cun edificio idóneo para tal fin e sen utilizar, como é a Escola Unitaria de Louredo”.
E é que a actividade da primeira e única Ludoteca Municipal de Mos, a de San Rafael en Pereiras, vai en ascenso progresivo e diversificándose ademais, xa que non só se imparten nela obradoiros e iniciativas infantís, senón tamén para adultos. Sen ir máis lonxe organizáronse nestas instalacións accións formativas para educadores, así coma cursos de contacontos; entre outras actividades. Cómpre destacar ademais a importancia que as Ludotecas teñen nun aspecto social de relevancia capital como é a concienciación da vida familiar e laboral.
A rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Louredo, sita no lugar do Pombal, pretende a inclusión no interior da construcción dunha Ludoteca de dúas aulas. O edificio é de pranta baixa cunha superficie construída total de 166 metros cadrados nunha parcela de 754 metros cadrados.
O proxecto contempla nesta edificación a disposición de dúas salas, unha para exposición e préstamo de xoguetes e libros e outra para a realización de actividades de xogo. Cada unha das aulas tería unha superficie mínima de 50 metros cadrados. Contará cunha porta de entrada de 1,20 metros e apertura cara ó exterior. Dotarase de baños adaptados aos usuarios de xeito que disponse para a aula de 2 a 3 anos un aseo con dimensións e necesidades adaptadas aos usuarios, tendo a outra aula dous aseos dotados de inodoros e lavamáns; e adicionalmente disponse un aseo adaptado para uso xeral.
O edificio presenta aperturas nas súas catro caras para favorecer a ventilación e iluminación natural e conta con espazo libre que será adaptado ós usuarios dispóndose un axardinamento completamente valado e controlado para a utilización por parte dos cativos. O patio de xogos contará cunha superficie de 100 metros cadrados.
As instalacións da Escola Unitaria de Louredo datan do ano 1975 e están dispostas en forma de T, con dúas aulas simétricas con orientación oeste. A rehabilitación das mesmas presenta unha solución que se adapta en gran medida á estructura formal preexistente, dispoñendo as dúas aulas cunhas proporcións similares ás previas e readaptando a zona destinada a servizos para organizar o acceso e os aseos, habilitándoos á normativa vixente. No exterior da parcela ubicarase o patio de xogos e a zona destinada ó trásito puntual de vehículos para o mantemento da construcción, que será dotada de pavimento separador que protexa as circulacións.
Para a execución desta obra a Deputación de Pontevedra ven de conceder unha subvención incluída no Plan de Obras e Servizos 2016 para rehabilitación da construcción en Louredo como Ludoteca. O investimento deberá estar executado e xustificado na súa totalidade a 31 de decembro de 2017.

Deja un comentario