+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Mosquera: «A actuación na Ponte do Rons permite unha mellor mobilidade peonil na Xunqueira da Gándara»


O viaduto abriuse á circulación na tarde de hoxe logo de que as obras finalizaran antes do previsto 

O vicepresidente provincial, César Mosquera, anunciou hoxe a apertura da ponte da Gándara sobre o río Rons logo de menos de catro meses de obras. O viaduto pasou a proba de carga esta mañá e durante a tarde os operarios retiraron a sinalización que impedía o tránsito. O presidente da Deputación en funcións, César Mosquera, acompañado da deputada Eva Vilaverde e dos concelleiro Luís Bará e Pilar Comesaña, sinalou que con esta actuación corríxese a situación de grave deterioro da ponte fomentando a mobilidade peonil na zona, xa que se instalou un novo taboleiro, se creou un paso independente para os viandantes, se calmou o tráfico, mellorouse a accesibilidade e rehabilitouse o sendeiro que comunica coa estrada de Vilagarcía.
A empresa foi a encargada de facer os traballos, que tiñan un orzamento de 130.535 euros e se adxudicaon por 101.726 euros. O prazo de execución era de seis meses, durante os que foi preciso cortar o tráfico totalmente na zona, mais grazas á coordinación e a execución simultánea de varias fases das obras, foi posible que estean rematados a día de hoxe.
A situación da ponte, segundo explicou Mosquera no seu momento era «deficiente e preocupante» dende había tempo». De feito,valorouse cortala ao tráfico en varias ocasións xa que o taboleiro estaba desprazado con respecto ás pilastras que o sostiñan, a ferraxe da estrutura estaba oxidada e a lámina inferior de formigón saltada.
A obra foi executada grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello capitalino, no que este se comprometía a redactar o proxecto e a institución provincial a financiar a actuación.

Mesmo largo do taboleiro
Segundo explicou Mosquera aproveitáronse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, pero renovouse totalmente a lousa superior sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permite unicamente a circulación dun vehículo. Considerouse que non se debería realizar a ampliación para non incrementar as expectativas do tráfico na zona e preservar no posible o contorno de acordo co plan de conservación do ENIL.
Así mesmo, e debido a que a creación de sendeiros e miradoiros incrementaron de xeito considerable o número de persoas que se achegan á Xunqueira de Alba a pé ou en bicicleta para pasear, practicar deporte ou observar a fauna existente, tomouse a determinación de crear un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construíuse augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) cunha estrutura metálica que soporta un pavimento e unha varanda de madeira tratada.
Como obras accesorias o proxecto incluíu a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorou a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous redutores físicos de velocidade de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira. Finalmente, a actuación completouse coa sinalización horizontal e vertical. Pretendíase mellorar a visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedou limitada a 20 quilómetros por hora.

Deja un comentario