+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Estudantes que participan no Proxecto Erasmus + “Practicum Depo 2015” inician os cursos preparatorios de idiomas


A partir do luns día 12, un curso de italiano desenvolverase na sede da Deputación en Vigo e outro de inglés en Pontevedra na Facultade de Ciencias da Comunicación

Un total de 45 estudantes da provincia beneficiarios das estadías de mobilidade do Proxecto Erasmus + “Practicum Depo2015” comezan o vindeiro luns, día 12 de setembro, os cursos preparatorios de idiomas para as súas estadías no estranxeiro, que van iniciar no mes de outubro. Os mozos e mozas participarán en cursos de italiano e inglés, xa que Italia e Irlanda son os seus destinos.

Na sede da Deputación en Vigo vaise desenvolver un curso inicial de italiano, en horario de mañá -de 9:30 a 14:00h.-, dende o luns 12 ata o luns 26 de setembro. Na cidade de Pontevedra, na Facultade de Ciencias da Comunicación, terá lugar un curso preintermedio de inglés, tamén co mesmo horario de mañá, dende o mesmo luns 12 ata o venres 23 de setembro. A finalidade destes cursos é que os mozos e mozas adquiran as habilidades para poder comunicarse, de xeito sinxelo, en situacións habituais no país ao que se desprazan, podendo ser capaces de manter intercambios simples e directos de información e comunicación.

Os 45 mozos e mozas que van realizar estes cursos son beneficiarios da terceira quenda de mobilidade do proxecto “Practicum Depo 2015”, enmarcado no programa europeo Erasmus +. Desta terceira quenda forman parte tamén outros 11 estudantes, que están iniciando estes días a súa estadía formativa en distintos puntos de Irlanda. Trátase de titulados e tituladas de Formación Profesional, que grazas a este programa pasan seis meses realizando prácticas formativas en diferentes países comunitarios.

En total, 123 mozos e mozas da provincia gozan dunha estadía no estranxeiro grazas a este programa impulsado pola Deputación de Pontevedra. Na primeira quenda estiveron fóra un total de 41 estudantes, e na segunda, outros 26 mozos e mozas que están a piques de rematar as súas estadías.

Co proxecto “Practicum Depo” o Goberno provincial pretende que titulados e tituladas de Formación Profesional teñan unha oportunidade de formación no estranxeiro, mellorando as súas competencias nunha lingua estranxeira e mellorando as súas capacidades profesionais para pasar do ámbito educativo ao laboral. As persoas beneficiarias reciben dúas axudas económicas, unha para gastos de viaxe, que en función do destino van dende os 275 aos 360 €; e outra de apoio individual para gastos de aloxamento, manutención e transporte local, que pode ir dende os 7.934 € ata os 9.600 €.

Deja un comentario