+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018

A Cañiza mellora a instalación térmica da Piscina Municipal e adecúa un local para servizos sociais a través dos Fondos de Compensación Ambiental e Infraestruturas da consellería de Presidencia


O xefe territorial deste departamento en Pontevedra, Ramón Pereiro, fixo unha comprobación material das obras que se están a realizar invitado polo alcalde do municipio, Miguel Adolfo Domínguez

O xefe territorial de Presidencia en Pontevedra, Ramón Pereiro, realizou unha visita técnica esta mañá ao concello da Cañiza, invitado polo alcalde do municipio, Miguel Adolfo Domínguez, co obxectivo de facer unha comprobación material das obras que se están a realiar a través da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental e da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público.

No caso das obras executadas a través da Orde de Infraestruturas de Uso Público, A Cañiza está a levar a cabo, segundo apuntou Miguel Adolfo Domínguez, a adecuación dun local na planta baixa da casa consistorial para servizos sociais, “xusto onde antes se atopaba a biblioteca. Deste xeito, poderemos trasladar o local da Policía Local ata a área de Servizos Sociais”. Ademais, tamén se está a mellorar varios parques infantís do concello, “o que permite satisfacer as necesidades tanto da poboación da Cañiza como das parroquias limítrofes”.

O proxecto conta cun investimento de 50.000 euros, dos cales 40.000 procederon da subvención da Xunta, que é o 80% do orzamento total, aportando o concello o 20% restante máis o IVE.

A nivel provincial, a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, conta cunha axuda global de 1,7 millóns de euros.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.

As actuacións subvencionables baixo esta orde son proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

Mellora da instalación térmica da piscina municipal climatizada
Ademais, este concello tamén está a levar a cabo obras de mellora en relación á eficiencia enerxética, grazas á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental desta mesma Consellería. En concreto, estase a executar a ampliación e mellora da instalación térmica da piscina municipal climatizada. O orzamento é de 87.500 euros, aportados ao 100% pola administración a través desta subvención.

Deste xeito, o concello puxo en marcha un proxecto que permite a aplicación dun sistema de xeración de calor máis eficiente, mellorando a eficiencia da instalación e reducindo o impacto medioambiental das emisión xeradas así como optimizar a explotación da mesma coa redución do custo de mantemento.

Con este obxectivo, A Cañiza está a instalar “bombas de calor” que ofrecen actualmente unha maior eficiencia na xeración de calor a partir do emprego de enerxía eléctrica. “Así conseguimos reducir o gasóleo empregado coa implantación dun sistema de calefacción mediante enerxía xeotérmica en circuíto pechado, coa consecuente redución de emisións de CO2 á atmosfera”.

En relación a esta liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destínase máis de 1,1 millóns de euros aos municipios pontevedreses. Estas subvencións destínanse a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos subministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico cun total de 832.700 euros de subvención. Pola súa banda, á liña competitiva puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Nesta liña, os concellos da provincia de Pontevedra recibiron 305.000 de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

Deja un comentario