+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A unha semana do remate do mesmo, o alumnado do Programa Integrado de Emprego EMPREGAMARÍN II recibiu a visita da nadadora pontevedresa Beatriz Gómez Cortés


A unha semana do remate do mesmo, o alumnado do Programa Integrado de Emprego EMPREGAMARÍN II recibiu a visita da nadadora pontevedresa Beatriz Gómez Cortés, campiona do mundo en 2011 e olímpica nos JJOO de Londres 2016. Bea non puido estar presente nos recentemente rematados JJOO de Río de Janeiro por mor duns problemas de saúde que non lle permitiron adestrar ao 100% e, por tal motivo, chegar a tempo de acadar a marca mínima esixida nos campionatos de España de primavera para poder formar parte do equipo olímpico de natación.

Foi precisamente a súa traxectoria profesional e as dificultades e obstáculos aos que tivo que facer fronte os que motivaron a planificación da charla-coloquio, co obxectivo de achegar a súa experiencia ao alumnado do programa integrado, extrapolando o exemplo de Bea ao eido das dificultades existentes na busca de emprego e deixando constancia da súa capacidade de sacrificio e superación. Así, baixo o epígrafe “Buscar emprego é unha proba olímpica: cun obxectivo claro, unha gran recompensa pero chea de obstáculos”, a deportista pontevedresa contou a súas vivencias e interactuou co alumnado por espazo de algo máis dunha hora.

Desde o Concello de Marín queremos agradecer a Beatriz Gómez Cortés a súa amabilidade e a súa total dispoñibilidade e implicación cos obxectivos do programa e tamén pola dedicación do seu tempo. Asimesmo, desexámoslle os maiores éxitos na súa vida profesional e persoal.

Cómpre lembrar que a finalidade última do programa integrado de emprego Empregamarín II é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral. O programa, que finaliza o vindeiro 31 de agosto, conseguiu que máis da metade dos participantes chegasen a asinar un contrato laboral durante a vixencia do mesmo.

Deja un comentario