+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

O concello da Lama subvenciona as cotas das actividades extraescolares a 17 nenos de familias sen recursos económicos


O alcalde, Jorge Canda, afirmou que na Lama ningún neno verá minguadas a súa participación en actividades lúdicas ou formativas por problemas económicos

O Concello da Lama asumirá o pagamento das cotas da ANPA de 17 alumnos do colexio, cuxas familias están a pasar por dificultades económicas, co fin de que poidan participar nas actividades extraescolares, tal e como anunciara o alcalde Jorge Canda nunha recente reunión con representantes desta asociación.

O rexedor da Lama asegurou que “neste municipio, mentres eu siga sendo alcalde, ningún neno ou nena verá minguadas as súas oportunidades, nin a súa participación en actividades lúdicas ou formativas por motivos relacionados coas dificultades ou os escasos recursos económicos dos que” poidan dispoñer “as súas familias”.
Jorge Canda participara hai un mes nunha reunión con pais e nais, organizada pola ANPA,donde explicou o acordo subscrito coConcello grazas ao cal a administración local asumiría o pagamento das cotas, das familias sen recursos, fixadas pola ANPA para as actividades extraescolares co fin de que ningún neno do colexio se vise privado da súa participación por cuestións económicas.

Jorge Canda explicou na reunión de pais o criterio que seguirían os Servizos Sociais do Concello para determinar que familias cumpren os requisitos necesarios para poder beneficiarse destas axudas extraordinarias que puxo en marcha a administración local para evitar que ningún neno se vexa privado da súa participación en actividades extraescolares por motivos económicos.

A ANPA da Lama ten en marcha este curso varias actividades extraescolares entre as que destacan a natación, onde o traslado dos alumnos dende o colexio ata a piscina e regreso se realiza a través de medios de transporte que pon a disposición dos participantes o Concello da Lama.
Entre as actividades extraescolares que barallaba poñer en marcha a ANPA estaban o fútbol, patinaxe, baile moderno, inglés, manualidades e traballo en coiro. O custo por actividade é de 12 euros para os nenos cuxos pais pertenzan á ANPA e 15 euros no caso de que non. Tamén se estableceu na devandita reunión unha rebaixa na cota de socios do ANPA para este curso escolar pasando dos 15 euros habituais os 10 euros fixados nesta ocasión.

Con esta iniciativa de colaboración entre a ANPA e o Concello da Lama se busca que calquera neno en idade escolar poida participar nas actividades extraescolares organizadas pola entidade asociativa familiar sen que a especial situación de desamparo económico sexa un impedimento para a súa formación e integración na oferta lúdico-formativa que se desenvolven fóra do horario escolar.

Deja un comentario