+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

Comezan as actividades previas da Feira Franca coa elaboración dos primeiros ‘Cantorais’ no Museo de Pontevedra


Esta mañá comezaron os obradoiros infantís no Sexto Edifico que nesta edición versan sobre os libros musicais medievais
Xa só quedan libres as 12 prazas do obradoiro infantil do venres
Os 12 rapaces e rapazas que esta mañá participaron no primeiro dos catro obradoiros infantís organizados polo Museo foron os encargados de dar o pistoletazo de saída ás actividades previas da Feira Franca. Os e as participantes no obradoiro realizaron os seus propios ‘cantorais’, posto que o obxectivo da actividade consistiu en coñecer os libros musicais medievais aproveitando que este ano a Feira Franca está dedicada á música. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que se achegou persoalmente ata o obradoiro para coñecer o seu desenvolvemento sinalou que «esta actividade é especialmente acaída para achegar á rapazada elementos históricos dun xeito lúdico e atractivo para eles, e para que sexan capaces de contextualizar a celebración da Feira Franca e de entender as orixes das que parte «.
Estes obradoiros realizaranse ata o vindeiro venres, un por día, e estarán dirixidos aos nenos e nenas de idades comprendidas entre 7 e 13 anos e admiten ata un máximo de 12 participantes por día. Neste momento xa só quedan libres as 12 prazas do obradoiro do venres, polo que as persoas interesadas poden anotarse no teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou dirixirse ao enderezo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. As prazas, como vén sendo habitual, outorgaranse respectando a orde de recepción de chamadas e correos.
Ademais de realizar un ‘cantoral’ propio, os rapaces e rapazas poden coñecer a colección de libros musicais que custodia o arquivo documental do propio Museo e os diferentes aspectos vinculados con este tipo de documento histórico. Cada obradoiro ten unha duración de dúas horas, entre as 11 e as 13 horas, e realízanse na sala taller do Sexto Edificio.
Ademais destes catro obradoiros, e pensando nos máis cativos, este ano estrearase unha figura en madeira dun trobador para que poidan fotografarse con el e que servirá de fío condutor para un obradoiro de pintura. Esta actividade non precisa inscrición previa e vai dirixida a todas as idades. Terá lugar o sábado 3 de setembro na zona vidrada do Sexto Edificio en horario de 10:30 a 13:30 horas, e de 16:30 a 19:00h. Trátase dunha actividade sinxela na que os e as participantes poderán pintar o trobador sobre papel para crear o seu propio personaxe.

Deja un comentario