+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

O xefe territorial de Medio Ambiente analizou coa alcaldesa de Moraña o proxecto de reparación da cuberta do antigo mercado


Alberto Fuentes foi invitado pola rexedora para estudar os detalles da execución destas obras que se inclúen no Plan Hurbe

O xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, Alberto Fuentes, visitou o concello de Moraña, invitado pola alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, co obxectivo de analizar o proxecto de execución das obras de reparación da cuberta do antigo mercado que se desenvolverán a través do Plan Hurbe.

Estes traballos executaranse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Moraña a través do cal se destinarán case 262.793 euros para, a través de dúas anualidades, poder rehabilitar a cuberta do antigo mercado que data dos anos 50 e que actualmente se atopa fora de servizo. “Con esta obra pretendemos recuperar a actividade comercial no mes”, explicou Piñeiro

Esta edificación ten unha forma triangular con esquinas en chafrán e consta de edificación e patio de planta única. Está construída con muros de carga de pedra granítica gris, sobre os que se apoia a totalidade da estrutura da cubeta, realizada a base de cercas de madeira e cubrición de tella plana, cunha superficie total o mercado de 650 metros cadrados e 155 o patrio cuberto.

“Na actualidade este edificio se atopa en desuso, debido ao mal estado de conservación e avanzado deterioro”, engadiu a rexedora quen matizou que “unha nova cuberta permitirá garantir a estabilidade e estanquidade da mesma”.

O proxecto contempla a demolición das dúas cubertas da edificación, tanto do edificio como do patio, e realizar unha nova estrutura que abrangue ambos dous espazos a base de cerchas de madeira serrada, para elevar a estrutura do patio central e introducir luz polos laterais que se xeran coa elevación.

Segundo apuntou Alberto Fuentes, “este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social”.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido desde a súa posta en marcha un total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

Deja un comentario