+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Un grupo de bombeiros galegos visita o novo Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia


O director xeral de Emerxencias participou no percorrido para coñecer a valoración e achegas dos profesionais sobre as novas instalacións e equipamentos

Representantes da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros levaron a cabo esta tarde unha visita ao novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE112-Galicia), que a Xunta está a rematar na Estrada.

Esta asociación sectorial solicitou a visita para coñecer de primeira man as súas instalacións e equipamentos xa que unha vez en funcionamento, terán unha influencia decisiva no traballo diario dos seus asociados.

O director xeral de Emerxencias, Luis Menor, participou nesta visita e acompañou os representes da asociación para amosar o centro e coñecer a valoración e achegas dos profesionais sobre estas novas instalacións.

O novo CIAE-112 está deseñado cara a unha futura integración operativa dos distintos números de urxencia e emerxencia dos organismos e servizos básicos de intervención nas emerxencias que operan en Galicia, cun criterio multiservizo. O obxectivo é acadar así unha xestión e coordinación integral e integrada nas emerxencias, e deste xeito ofrecer unha mellor calidade no servizo de atención ás emerxencias que se lle presta aos cidadáns.

Estes Centros de Atención ás Emerxencias integran todas as chamadas de atención ás emerxencias nunha Plataforma Tecnolóxica, composta dun software específico de xestión e coordinación de emerxencias e un hardware que lle dá soporte físico ao primeiro. O elemento central do novo centro o constitúe a gran sala de operacións presidida por un sistema videowall composto por múltiples pantallas de TV LED, que permitirá visualizar o seguimento da incidencia por parte de persoal técnico e os operadores.

Conta a súa vez cunha sala de ocio e descanso para o persoal, plenamente equipada para atender ás necesidades de quen pola propia natureza das súas funcións deben prestar os seus servizos as 24 h do día, os 365 días do ano. Completase o equipamento cun vestiarios totalmente equipados con duchas e taquillas.
En canto ao aspecto técnico o novo edificio dedica o planta soto á infraestrutura de servidores e o chamado so técnico polo que discorre o cableado.

O novo CIAE112-Galicia está integrado coas instalacións que ten a Academia Galega de Seguridade Pública no Concello da Estrada, aproveitando os recursos xa existentes nas instalacións da AGASP o que permite a optimización dos recursos, a complementariedade, e o aproveitamento das sinerxías operativas e funcionais das distintas instalacións e dependencias da Academia coas do novo Centro de Atención de Emerxencias.

Deja un comentario