+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Cheo absoluto das DepoAndainas 2016. A Deputación pecha o proceso de inscrición ao completarse todas as prazas dispoñibles


A institución provincial esgotou as 300 prazas e dobrará autobuses para as rutas das Illas Cíes-Nigrán, o Pazo de Carboeiro en Silleda e San Vicente do Grove

A Deputación de Pontevedra, ante o aluvión de solicitudes recibidas, finaliza antes do previsto o proceso de inscrición nas tres rutas do programa “Depo Andainas” que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro. Tanto a quenda de Illas Cíes-Nigrán coma a de Silleda e a do Grove completaron as 300 prazas das que dispoñía cada unha delas e non só iso, senón que xa hai persoas en lista de espera: 25 no caso das Illas Cíes-Nigrán (que se celebrará o 11 de setembro), 7 en Silleda (o 25 de setembro) e outras 6 no Grove (o 9 de outubro).

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que “a Deputación atópase nun estado de sorpresa clamoroso, total e absoluto” ante o resultado de “Depo Andainas”, sendo esta “a edición con mellores resultados das celebradas ata o momento”. Tanto é así, que esta é a primeira vez na historia –tanto do “Sendeiros Rías Baixas” anterior coma do renovado “Depo Andainas”– que se completan as prazas ofertadas. “Tiñamos feita unha previsión en función dos resultados das campañas anteriores e se romperon absolutamente”, valorou a Presidenta.

Do mesmo xeito, a institución provincial tivo que dobrar a flota de autobuses, coa incorporación de seis novos vehículos, que trasladarán ás persoas participantes en “Depo Andainas”. Cada unha das rutas ofertaba 110 prazas en autobuses e nos tres casos se dobraron. Por orde de celebración, a día 29 de agosto había 109, 119 e 100 persoas, respectivamente, en lista de espera, polo que se espera que coas contabilizacións dos seguintes días as cifras sexan maiores.

O éxito da convocatoria amosa o crecente interese suscitado polo programa “Depo Andainas” e os resultados da serie de melloras realizadas no anterior “Sendeiros Rías Baixas”. O renovado “Depo Andainas” modificou a formulación do citado programa co obxectivo de convertelo nunha actividade gratuíta que impulse hábitos saudables, promova o territorio e impulse a preservación do medio ambiente da provincia de Pontevedra. Entre as principais novidades encóntranse desde a propia celebración das rutas, escapando dos días máis calorosos do verán, ata engadir dous autobuses para trasladar aos participantes, incluír as Illas Atlánticas no programa e impulsar a participación dos concellos. Tamén son novidades do programa “Depo Andainas” as charlas e actividades medioambientais que se realizan durante os percorridos e a apertura da participación a aquelas persoas que non empreguen o autobús para desprazarse ata os lugares das andainas. A Presidenta tamén salientou “o impulso que se lle deu á participación dos concellos, que tamén se encargaron de promover as andainas, a diferenza do que aconteceu nas edicións anteriores”.

A edición 2016 de “Depo Andainas” está composta por un total de catro andainas, sumándose ás citadas anteriormente a que se celebrou en Campo Lameiro o pasado 10 de xullo.

Deja un comentario