+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Casa do Concello de Ponte Caldelas loce a pancarta que abrirá a manifestación de mañá contra a Cacicada da PO-234


O Pleno municipal aprobou inicialmente tres ordenanzas e a solicitude de incorporación de Ponte Caldelas á Área Metropolitana de Vigo

O balcón da Casa do Concello de Ponte Caldelas está engalanado dende esta mañá coa pancarta que vai presidir a manifestación convocada para mañá, sábado, contra o que se coñece popularmente como a Cacicada da PO-234, é dicir, a decisión da Xunta de Galicia de acometer só o tramo de Augasantas-Portasouto (no municipio de Cotobade) e deixar sen arranxar as perigosas curvas de Laxoso (Ponte Caldelas) desta estrada autonómica.

A mobilización, que conta co apoio da Plataforma veciñal de Ponte Caldelas e Cotobade, foi convocada polo Concello e, despois de que a Xunta Electoral Provincial impedira a súa celebración na campaña electoral, foi aprazada para o primeiro sábado seguinte. O Goberno local caldelán, integrado pola unión dos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, cumpre así o compromiso de mantela gañase quen gañase nas recentes Eleccións Autonómicas.

A marcha sairá ás 12 horas da avenida de Galicia (fronte á Casa do Concello) e discorrerá ata a Alameda, onde se lerá un manifesto por parte do alcalde, Andrés Díaz, no que se destaca o sensentido desta decisión da Consellería de Infraestruturas e o desleixo de obviar o arranxo do tramo máis inseguro e perigoso. Unha obra, ademais, que estaba comprometida formalmente polo xefe territorial da Xunta en Pontevedra e polo ex alcalde, do Partido Popular, xa dende a campaña das Eleccións Municipais de 2011.

O Goberno local insiste en que trátase dunha decisión incomprensible, un cambio de criterio de última hora que non resiste a menor racionalidade no exercizo da xestión da Rede Autonómica de Estradas, e que se fundamenta só no feito de que o alcalde de Cotobade é do Partido Popular e o de Ponte Caldelas non.

Por outra banda, o Pleno ordinario de Ponte Caldelas celebrado na tarde-noite de onte xoves, aprobou todos os puntos da orde do día, no que destacan as novas ordenanzas de regulación da Convivencia e Limpeza, abastecemento de auga e do imposto de Vehículos de Tracción Mecánica. O Goberno local destacou o xiro social que se está a imprimir en todos os regulamentos municipais, pois abarátase o servizo de auga, proporcionándoa gratuítamente ás familias en risco de exclusión e bonificándoa ao 50% ás familias numerosas. Ao mesmo tempo, auméntase o volume subministrado pola cota de servizo a todos os veciños, pasando dos 10 metros cúbicos mensuais a 18.

A aposta social tamén está presente na ordenanza de vehículos, pois as persoas con discapacidade recoñecida definitivamente, xa non terán que renovar a exención deste imposto cada dous anos como pasaba ata o de agora. Ademais, os propietarios de vehículos clásicos (con máis de 25 anos), quedarán tamén libres de pago.

As tres ordenanzas quedaron aprobadas inicialmente e serán sometidas agora a un período de exposición pública de 30 días, durante o que todos os veciños poden facer alegacións.

O Pleno aprobou, deseguido, a solicitude de incorporación de Ponte Caldelas á Área Metropolitana de Vigo. A solicitude será enviada ao Consello da Xunta, que debe aprobala previo informe favorable do órgano da entidade supramunicipal. Deste xeito, o municipio caldelán aposta por integrarse nunha entidade formada agora mesmo por 14 municipios e que, segundo o previsto, crecerá ata un total de 28.

Na súa intervención, o alcalde subliñou que a Área Metropolitana supón o nacemento dun novo estilo de Administración, máis moderna e máis centrada na mellora na prestación de servizos aos cidadáns. Explicou que Ponte Caldelas abre a porta deste xeito a posibles abaratamentos na recollida e tratamento de lixo, toda vez que a concesión actual expira o ano próximo. Ao mesmo tempo, lembrou que moitos veciños traballan en Vigo e hai un evidente interese en gozar dun transporte metropolitano que traerá consigo unha evidente mellora na calidade de vida. Sobre todo, explicou, no marco da estratexia municipal de evitar o desarraigo poboacional.

Andrés Díaz falou tamén da ventá de oportunidade que supón a Área Metropolitana para solicitar e xestionar subvencións diante da Unión Europea, algo moi complicado para un concello pequeno en solitario e moito máis factible dende unha estratexia de cooperación intermunicipal. A súa exposición completouse coas opcións que, no futuro, poden xurdir para optimizar servizos como Protección Civil, Bombeiros ou o asesoramento urbanístico, entre outros moitos.

Finalmente, indicou que Ponte Caldelas aproveitará todas as oportunidades de incorporarse a entes supramunicipais que traian vantaxes para os veciños e, de feito, o municipio xa está integrado no Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo e na agrupación turística Terras de Pontevedra.

Todos os puntos saíron adiante por unanimidade, agás a incorporación á Área Metropolitana, que tivo o voto contrario do Partido Popular e a ordenanza de Convivencia e Limpeza, que mereceu a súa abstención.

Deja un comentario