+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

A Consellería do Mar mellora as condicións de traballo do peirao de Portonovo, en Sanxenxo


Estase a executar a pavimentación do vial de acceso á dársena pesqueira e finalizou a reparación do control de accesos á zona

A Consellería do Mar está a executar diversas actuacións para a mellora das condicións de traballo dos profesionais que operan no peirao de Portonovo, no municipio pontevedrés de Sanxenxo. O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, visitou esta mañá a zona para comprobar os traballos realizados e en execución.

En concreto, esta mesma tarde quedará rematada a pavimentación do vial de acceso ao peirao pesqueiro. Esta obra, demandada polo sector profesional da zona, inclúe fresado e instalación de nova capa de rodadura asfáltica e permitirá reparar as deficiencias que presentaba o firme.

Así mesmo, executáronse diversas reparacións no control de accesos ao peirao pesqueiro. Deste xeito, reparáronse as pilonas de entrada e saída e o lector de tarxetas, entre outras actuacións. En total, os últimos traballos de mellora supuxeron un investimento de máis de 25.000 euros. Xunto con estas obras de mantemento e conservación de infraestruturas, estase a licitar a instalación dun dique aboiante para a mellora do abrigo cun orzamento de 584.000 euros.

Retirada de 4.000 quilos de residuos
Ademais, a Consellería do Mar vén de realizar unha limpeza do fondo mariño da dársena de Portonovo na que se extraeron do mar uns 4.000 quilos de residuos. Esta actuación enmárcase na terceira fase do Plan de limpeza de dársenas que o ente público leva a cabo dende hai tres anos para garantir a sustentabilidade ambiental das dársenas autonómicas e mellorar as condicións de navegación no seu interior.

Deja un comentario