+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Máis de 1.521 persoas de 14 concellos da provincia participan esta fin de semana no programa “En ruta coa Depo”


Preto de 19.000 persoas gozan, a través desta iniciativa, de alternativas de lecer dinámico e saudable para coñecer lugares emblemáticos da provincia

“En ruta coa Depo”, programa da Deputación de Pontevedra xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, organiza para esta fin de semana e ata o 12 de outubro novas saídas pola provincia, nas que van participar máis de 1.521 persoas pertencentes a asociacións dos concellos de Pontevedra, Vigo, Moaña, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Vilagarcía de Arousa, Gondomar, A Estrada, Lalín, A Lama, Sanxenxo, Silleda e Campo Lameiro.

En concreto, nas rutas desta fin de semana participarán a Asociación Vecinal Emilio Crespo, a Federación de Asociacións Familiares e Persoas cunha enfermidade mental de Galicia e ASOGAPEM (Vigo); a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer do Morrazo (Moaña); a Asociación Cultural Os Penediños de Atios e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores y Usuarios “Rosais” (O Porriño); a Asociación de Veciños San Roque, a ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas, a Agrupación Comercial de Pensionistas, Xubilados CCOO Pontevedra e a AA.VV. Heroes de Pontesampaio (Pontevedra); a Asociación de Maiores de Ponteareas (Ponteareas); MM.RR. de Salvaterra de Miño Tempo Gañado (Salvaterra de Miño); A.MM.RR. Anduriña e o Círculo Artístico Deportivo Gato Negro (Vilagarcía de Arousa); a Asociación Cultural San Vicente de Mañufe (Gondomar); a Asociación Veciñal Parroquia de Orazo (A Estrada); Mulleres en Igualdade de Vilanova (Lalín); Asociación de Mulleres Rurais A Pícara (A Lama); o Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo (Sanxenxo); a Asociación Veciñal Manduas (Silleda) e a Asociación Veciñal de Fragas (Campo Lameiro).

Estas asociacións realizarán rutas polo conxunto histórico de Cambados; por Salvaterra de Miño; percorrerán Catoira, Vilagarcía de Arousa e Cuntis; o conxunto histórico de Cangas e o Museo Massó de Bueu; visitarán os atractivos turísticos do concello de Silleda; A Guarda e o conxunto histórico de Tui; percorrerán en barco a ría de Arousa e O Grove; visitarán San Simón e Redondela; o casco vello de Vigo e as Illas Cíes; percorrerán Portonovo e a Illa de Ons e visitarán Nigrán e a Ría de Vigo.

“En Ruta coa Depo” é un programa da Deputación de Pontevedra que propón alternativas de lecer dinámico e saudable pretendendo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia de Pontevedra. Ofŕecense case vinte rutas distintas por lugares emblemáticos da provincia con distintos tipos de propostas para todos os públicos: rutas dinámicas e activas para a xente máis moza, rutas interxeracionais para Anpas e familias, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas marítimas e rutas por enclaves singulares. Este programa, xestionado a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, vai permitir que, ata finais de ano, máis de 18.000 persoas coñezan mellor a provincia. Invístese un total de 238.500 euros nesta iniciativa.

Deja un comentario