+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra e o concello de Vigo inauguran as novas aulas da UNED na cidade olívica


A institución provincial achegou 800.000 € para reformar tres plantas do auditorio Mar de Vigo e dotalas de mobiliario para convertelas en aulas da UNED

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e dos deputados provinciais David Regades e Carlos López Font, inauguraron esta mañá as novas aulas da UNED na cidade olívica para as que a institución provincial destinou 800.000 €. Esta actuación é unha das enmarcadas no protocolo de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.
A comezos do verán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo asinaban un convenio, enmarcado no protocolo oficial de colaboración entre ambas institucións, mediante o cal o organismo provincial achegaba 800.000 € para a reforma de tres plantas do auditorio “Mar de Vigo” e a dotación de mobiliario para convertelas en aulas e despachos da UNED. Hoxe, uns meses despois daquela sinatura, comezan nese mesmo espazo, xa acondicionado, as titorías universitarias.
A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que este investimento realizado en Vigo “pretende dar resposta ó aumento da demanda do alumnado da UNED na cidade de Vigo e sur da provincia de Pontevedra, que o pasado ano sumaban 700 persoas matriculadas”. Silva manifestou sentirse “enormemente satisfeita porque hoxe podemos presumir de ter investido nun espazo para a educación de altísimo nivel” e engadiu que “a partir de agora o alumnado, ademais de recibir unha educación de calidade, vaina obter nun espazo digno, porque tamén os espazos importan para dignificar a educación pública”.
Na actualidade, funcionan na aula da UNED en Vigo titorías de actividades non regradas e de 13 graos (Dereito, Educación Social, Enxeñaría Informática, Enxeñaría en Tecnoloxías da Información, Turismo, Estudos Ingleses, ADE, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política, Pedagoxía, Xeografía e Historia e Historia da Arte) dos 27 que imparte a UNED.

Deja un comentario