+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

Mondariz inicia o proceso de contratación de dúas persoas por seis meses


O Concello de Mondariz vén de abrir o proceso de contratación para dúas persoas ao abeiro das subvencións que, para o fomento do emprego no medio rural, outorga a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia dentro do programa APROL Rural.
Os postos ofertados son 1 Auxiliar de axuda a domicilio e 1 peón forestal. Os contratos terán unha duración de seis meses e a xornada completa.
A incorporación destas dúas persoas, segundo explica o Goberno de AporM-PSOE, “permitirá reforzar a prestación de servizos á cidadanía, ao mesmo tempo que posibilitará que dúas persoas, en situación de desemprego, poidan acadar experiencia profesional”.
A finalidade do programa APROL rural, destinado a concellos de menos de 10.000 habitantes, é mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras desempregados, permitíndolles a adquisición de experiencia profesional.
Aínda que na Orde da Consellería de Economía, sinálase que a contía da subvención que recibirán as entidades beneficiarias “será, a efectos salariais, a equivalente ao 80% dos custes salariais totais” o certo é que dita subvención varía dependendo do perfil dos operarios solicitados. No caso do Concello de Mondariz, a subvención para o posto de Auxiliar de Axuda a Domicilio sería dun 67%, mentres que a de Peón Forestal, chegaría ata o 75%, lonxe, en todo caso, do 80% anunciado.

Deja un comentario