+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Deputación, Xunta e concello de Redondela ratifican a continuidade do Obradoiro Internacional de Tradución Poética


As e os poetas de países de Europa do Leste serán protagonistas na V Edición, que se celebrará entre o 17 e o 22 de outubro na Illa de San Simón e estará coordinada pola galega Dores Tembrás
Esta tarde preséntase o libro que recolle os traballos da anterior edición, editado polo Servizo de Publicacións do ente provincial
A Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Redondela ratificaron esta mañá o apoio ao Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, así como á súa continuidade de cara ao futuro, durante a presentación da V Edición e do libro que recolle os traballos do pasado ano. Na presentación estiveron presentes a impulsora do proxecto, a poeta Yolanda Castaño, a concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
“Estamos aquí as tres institucións involucradas neste proxecto, porque grazas a esta colaboración entre diferentes Administracións conseguiuse un encontro internacional que xa ten un certo percorrido, que podemos dicir que se está consolidando, e que hai que seguir apoiando de cara ao futuro” sinalou Xosé Leal, quen ademais quixo enfatizar que “grazas a esta iniciativa o galego xoga en igualdade de condicións a outras linguas do mundo e é traducido a outros idiomas, mesmo a algún máis minoritario”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “é unha boa noticia estar presentando a quinta edición, porque isto quere dicir que estamos ante un proxecto que continúa, que está claramente vivo, que segue medrando e consolidándose”. Aproveitou para parabenizar a Yolanda Castaño por promover e coordinar este obradoiro e asegurou que “a cultura galega tenlle que estar agradecida a Yolanda por realizar este traballo tan difícil de conexión co exterior”. Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París, destacou que “despois de toda a traxectoria do obradoiro, é algo do que podemos presumir fóra das nosas fronteiras e é unha iniciativa significativa para que nos valoren noutras linguas”.
A V Edición
A V Edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética celebrarase, como vén sendo habitual, na Illa de San Simón. Este ano as datas abranguen desde o 17 ao 22 de outubro e contará con seis participantes, catro deles procedentes de países da Europa do Leste. Hai que lembrar que o obradoiro está concibido como unha iniciativa cultural pioneira en Galicia e no Estado español, no que durante unha semana os autores e autoras participantes desenvolven un traballo de tradución a candansúa lingua da obra dos demais compañeiros e compañeiras, ao tempo que se somerxen na cultura galega. Segundo indicou Yolanda Castaño “Con barqueira e remador’ sitúa a Galiza no mapa da tradución doutras linguas, nun campo tan minoritario como é a tradución poética, e importa para o noso patrimonio galego poetas moi representativas nos seus respectivos territorios e cunha recoñecida traxectoria no campo da tradución”.
Procedente de Croacia, participará o poeta, dramaturgo, editor e tradutor Damir Sodan; desde Bulgaria estará a poeta e ensaísta Tsvetanka Elenkova; desde Estonia, o poeta, editor, tradutor e mediador cultural Igor Kotjuh, e desde Ucrania, o poeta, tradutor, ensaísta e crítico literario Ostap Slyvynsky. Nesta edición incorporase por primeira vez a lingua castelá coa participación da poeta e videocreadora Miriam Reyes, que a pesares de nacer en Ourense se criou en Bos Aires. Esta poeta foi incluída no obradoiro, segundo explicou Yolanda Castaño, como unha forma de poñer en valor o seu traballo de edición e tradución ao castelán da antoloxía de poesía galega contemporánea ‘Punto de ebullición’. A presenza galega recae este ano na poeta e editora Dores Tembrás á que Castaño definiu como “unha das voces que más chamaron a atención nos últimos anos, tanto de público como de crítica”.
Como vén sendo habitual, o obradoiro enriquecerase cun programa de actos complementarios para poñer en contacto aos participantes co tecido sociocultural das tres cidades participantes a través de recitais en actos públicos, abertos e gratuítos. A primeira parada será en Pontevedra, na Casa da Luz o mércores 19 ás 20 horas; a segunda en Vigo o xoves 20 ás 19 horas no marco do Festival Kerouac, e a terceira en Redondela o venres 21 ás 20 horas no Multiusos da Xunqueira.
‘A illa curiosa e a tradución do universo’
Para difundir e facer máis accesible este traballo, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Publicacións, vén de editar na colección Cíes a compilación dos poemas da pasada edición, nun libro coordinado pola poeta Estíbaliz Espinosa e titulado ‘A illa curiosa e a tradución do universo’. A publicación presentarase esta tarde no Sexto Edifico do Museo de Pontevedra, nun acto que contará coa presenza da propia Estíbaliz Espinosa e que incluirá un recital poético e unha actuación musical de clarinete e chelo. O libro é unha edición bilingüe que recolle unha escolma da obra de autores e autoras en inglés, hebreo, xaponés, macedonio, e iraní, que foron os idiomas propios dos participantes da pasada edición. Inclúe as versións orixinais dos poemas xunta as traducións ao galego.
Ademais, para dar a coñecer este labor de tradución nos seus territorios de orixe, as e os poetas participantes difúndenos a través de publicacións especializadas, plataformas webs e revistas culturais.

Deja un comentario