+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Deputación de Pontevedra rende homenaxe ás e ós 16 deportistas da provincia que participaron en Río´16


O Pazo Provincial acolle unha mostra que recolle o palmarés das e dos deportistas olímpicos e paralímpicos e percorrerá os 62 concellos da provincia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das deputadas e deputados provinciais, rendeu homenaxe no Pazo Provincial da institución provincial ás 16 persoas da provincia que competiron nas Olimpíadas e Paralimpíadas de Río´16. O acto organizouse para enxalzar a figura das e dos deportistas olímpicos e paralímpicos e para inaugurar unha mostra que recolle o seu palmarés e se poderá visitar nos vindeiros meses en todos os concellos da provincia.

O acto comezou coa lectura e proxección dos principais méritos deportivos de cada deportista olímpico e paralímpico comezando por Fernando Alarza Vicente para continuar con Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabey Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra e a deputada delegada de deportes, Chelo Besada, entregaron un diploma e agasallo a cada deportista e, en nome tanto das e dos olímpicos como paralímpicos, interviñeron Teresa Portela e Chano Rodríguez. Portela quixo amosar o seu agradecemento á Deputación “tanto por este recoñecemento como polas achegas ós deportistas de elite e ó deporte en xeral”. Pola súa banda, Chano Rodríguez puxo en valor a exposición promovida pola Deputación porque “os deportistas de alto nivel temos un compromiso social xa que a xente moza se ve reflectida en todas e todos nós, por iso é fundamental que vexan que somos de carne e óso, que estamos hoxe aquí porque detrás hai moito traballo e esforzo”.

Pechou o acto de recoñecemento a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen aproveitou a ocasión para reivindicar “que nesta provincia hai grandes deportistas, homes e mulleres que co seu sacrificio e traballo continuo, con moita ilusión, facendo moitas veces fronte a grandes dificultades e incomprensións, chegaron ó máis alto”. Silva puxo en valor a importancia do deporte polo seu papel para transmitir “o mellor da sociedade, que os sonos se poden conseguir con traballo e constancia, por iso as administracións temos a obriga de apoiar ó deporte e de poñer recursos para que toda a sociedade o poida practicar”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén adiantou que a exposición, que hoxe se inaugurou no Pazo Provincial e que recolle os principais fitos das e dos deportistas olímpicos e paralímpicos, será itinerante e percorrerá os 62 concellos da provincia. Neste contexto, Silva destacou que “non queríamos que estas grandes figuras fosen flor dun día senón que queremos que os rostros e traxectoria destas grandes mulleres e homes estean presentes todos os días do ano; por iso imos levar a todos os concellos da provincia esta exposición que recolle os seus méritos deportivos, para que as 900.000 persoas que viven nesta provincia se queden cos vosos nomes para sempre”.

Deja un comentario