+034 986 09 02 04 Martes 18 de Febreiro de 2020

A entrada en servizo da máquina varredora no centro de Ponte Caldelas permite reforzar os recursos humanos nos núcleos rurais


O dispositivo mecánico permite realizar a limpeza completa de toda a Vila, cun só operario, en apenas un par de mañás

A nova varredora mecánica que entrou en servizo en Ponte Caldelas durante esta semana permitiu unha reorganización total dos recursos humanos do Concello para mellorar a atención aos 33 núcleos rurais que compoñen o municipio. O dispositivo permite realizar un varrido e baldeado total das rúas do centro urbano en apenas un par de mañás e cun só operario, polo que o aproveitamento da brigada municipal de limpeza é agora moito máis acaído.
A varredora, que tivo un custo de 65.000 euros para as arcas municipais, é un dos principais investimentos materiais que o Concello vai realizar durante este ano. O cambio no modelo de limpeza está xa a ser valorado polos veciños, que observan unha mellora moi sustancial na calidade na prestación do servizo.
En Ponte Caldelas o servizo de limpeza préstase directamente polo Concello e só a recollida do lixo e o seu transporte ata a planta de transferencia está contratado en réxime de concesión administrativa.
O equipo de goberno municipal, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, explica que as solicitudes veciñais para atender aos distintos pobos son cada vez maiores. O alcalde, Andrés Díaz, subliña que durante este mandato comezáronse a realizar labores que antes non se atendían, como o desbrozado de todos os camiños municipais “e, paradoxalmente, unha maior atención significa tamén un maior nivel de peticións e de esixencia, polo que necesitabamos reorganizar os nosos medios humanos”.
O Concello optou por adquirir un modelo multifuncional, deseñado para realizar distintas tarefas. Como varredora está dotada de dous grandes cepillos axustables e unha potente unidade de aspiración. Conta cunha tolva para depósito dos residuos con capacidade para 600 litros. Ademais dispón dun sistema de auga para evitar a produción de pó, o que garante que o aire espulsado estea perfectamente limpo, minimizando así o impacto para o medio ambiente e os peóns. A máquina está deseñada para poder traballar nos espazos máis reducidos e tamén para adaptarse aos obstáculos.

Deja un comentario