+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A exposición “Violencia Zero” achégase aos escolares de Moaña no instituto As Barxas


A exposición “Violencia Zero” abriu hoxe a súa mostra no instituto de ensinanza secundaria A Barxas de Moaña no seu periplo por toda a provincia. O acto de inauguración contou coa presenza das deputadas provinciais de Igualdade e Cohesión Social, Isaura Abelairas e Digna Rivas; a alcaldesa Leticia Santos e a concelleira de Igualdade María Ortega.

Isaura Abelairas mostrouse moi satisfeita pola elección do concello de Moaña da localización desta exposición nun instituto de ensinanzas medias “xa que son os mozos e mozas os que mellor poden traballar cara a eliminación da lacra da violencia asasina contra as mulleres”. A deputada foi contundente ao denunciar ante os mozos e mozas do instituto que tiñan que ser eles os que loitaran contra a violencia asasina que están a sufrir as mulleres “porque nos están a asasinar e vos sodes o futuro da nosa sociedade e os que tendes que mudar esta situación”.

Neste mesmo senso a concelleira de Igualdade de Moaña, Marta Ortega, subliñou que elixiron un instituto para a sede desta exposición pola necesidade de implicación das novas xeracións na loita contra a violencia machista. “Tendes que ser –destacou a concelleira- activistas na eliminación da lacra da violencia machista e por iso queremos que coñezades de primeira man esta exposición plástica da Deputación de Pontevedra”.

A mostra, que abriu as súas portas no instituto As Barxas de Moaña, recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

O obxectivo da exposición é fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista, buscando ademais unha implicación real na loita contra esta lacra, que este ano xa provocou a morte de 37 mulleres en toda España, unha delas en Galicia, e 16 menores orfos. Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de comezar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas.

Deja un comentario