+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

Mos avanza cara a administración electrónica integral


O Concello inicia un proxecto de potenciación e dinamización que abra o camiño cara ó fin dos expedientes en papel e á posta en marcha da sede electrónica na que os veciños poidan facer trámites on line
Esta mañá presentóuselles aos xefes e/ou coordinadores dos distintos departamentos municipais o proxecto de potenciación da administración electrónica que estará en marcha no Concello de Mos ao longo dun ano. Tras a xornada de presentación celebrada hoxe no salón de actos da Axencia de Colocación, comezará o proceso de formación que incluirá a todos os integrantes da plantilla da administración local.
Esta iniciativa desenvolverase mediante a implantación do programa informático Cívidas e-Gov, que xa se atopa en funcionamento nalgúns departamentos coma o de Urbanismo, por exemplo.
Mediante este sistema preténdese que o Concello de Mos se estableza coma administración electrónica no que respecta á xestión de expedientes, elaboración do catálogo de procedementos, e activación da sede electrónica na que os cidadáns poidan realizar trámites e xestións on line de xeito non presencial e erradicando o formato papel.
Todo este proceso ven dado pola necesidade de adaptación progresiva á Lei 39/2015.
Un dos departamentos municipais nos que máis influirá este procedemento de dixitalización progresiva será o Rexistro Xeral, sección que deberá ter todo o rexistrado en formato dixital antes do ano 2018.
Como xa se dixo, mediante o proxecto hoxe presentado, renovarase e actualizarase a plataforma Cívidas durante o vindeiro ano e plantexaranse diferentes opcións de dinamización do Concello de Mos como administración electrónica.
O alcance deste proxecto inclúe a actualización da versión do programa informático Cívidas ata agora implantado nalgúns departamentos municipais, soporte técnico e actualización dos procedementos a nivel xurídico (atendendo aos cambios na lexislación) e dinamización do proceso.
A actual plataforma Cívidas de Administración Electrónica do Concello de Mos precisaba da instalación da versión actualizada do programa e da implantación da mesma xeralizadamente en todos os departamentos do Concello.
O principal obxectivo do proxecto é a dinamización da Administración Electrónica dentro do Concello de Mos para conseguir unha participación masiva por parte do persoal do propio Concello, así como a actualización dos procedementos actuais e a implantación doutros novos.
Dentro da dinamización tamén existe a posibilidade de engadir novos procedementos administrativos a departamentos que na actualidade non están a utilizar Cívidas, para estender o seu nivel de penetración e conseguir un uso máis homoxéneo.

Deja un comentario