+034 986 09 02 04 Domingo 16 de Decembro de 2018

A feira de Ponte Caldelas crece e mantén o seu carácter de motor económico para toda a bisbarra


O período para a renovación das licenzas nun dos mercadiños máis dinámicos e activos de Galicia remata o 1 de decembro

A feira de Ponte Caldelas está ocupada ao 100%, a pesar de que a súa capacidade foi ampliada este verán de 100 a 112 postos. O interese por ocupar un lugar de venda nunha das feiras máis antigas e dinámicas de Galicia motivou que, a pesar deste incremento de capacidade, sigan a recibirse novas solicitudes nunha listaxe de espera que achégase xa ás 20 solicitudes.
O Concello de Ponte Caldelas está agora en pleno proceso administrativo de renovación anual das licenzas. O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e remata o 1 de decembro. Cada posto adxudícase individualmente a unha persoa física. Os titulares deben acompañar os documentos xustificativos de pago da taxa anual, alta como autónomos, na Seguridade Social, no Imposto de Actividades Económicas, seguro de responsabilidade civil e, se é o caso, carné de manipulador de alimentos.
O Concello ingresa a taxa en transferencia bancaria en función dunha cota fixa anual e unha parte variable en función dos metros lineais e a situación de cada posto. Ao mesmo tempo, os postos só se outorgan por medio de licenzas individuais, sen falsas cooperativas. O Goberno local tripartito, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, apostou, con estas dúas medidas, por unha total transparencia na xestión.
A feira de Ponte Caldelas goza de moi boa “saúde”. Este verán culminouse, de feito, unha ampliación longamente demandada. Ocupouse a zona máis próxima á pasarela sobre o río Verduxo. A actividade feiral espállase agora pola Alameda, que é o seu foco central, xunto coa avenida de Vigo, praza de España, praza do Bispo, rúa Marín e rúa do Emigrante.
A feira, que se celebra os días 5 e 20 de cada mes, é un motor de actividade económica para toda a bisbarra, segundo destaca o alcalde, Andrés Díaz. Na súa opinión, mentres outras feiras van a menos por toda Galicia, en Ponte Caldelas mantén o seu pulo a causa das facilidades municipais e tamén polo carácter de atracción que ten para un amplo abano de poboación de toda a bisbarra. Durante os días de feira, a Vila ferve de actividade e son incuestionables os beneficios tanto para a hostalería como para o comercio tradicional.
No Concello de Ponte Caldelas hai feirantes que levan máis de 30 anos asentados na súa feira, transmitindo as licenzas de pais a fillos, engade Díaz. A meirande parte deles son os que venden na Alameda, espazo onde é realmente difícil que se produza unha vacante. Ao igual que no resto de eventos feirados de Galicia hai postos de roupa, alimentación, froitas e verduras, semente, legumes, calzado, bisutería, complementos ou bolsos.
Na aposta polo reforzamento da súa feira, o equipo de goberno tamén impulsou a peonalización parcial da avenida de Vigo durante as xornadas feiradas para gañar en seguridade viaria e dar maior realce ao mercadiño. A última novidade foi a creación dunha gran bolsa de aparcamento na zona do Balneario (limitada a dirección de saída para posibilitar o estacionamento en ambas marxes). Este operativo está a dar moi bos resultados.

Deja un comentario