+034 986 09 02 04 Mércores 26 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva coincide co alcalde de Lalín na necesidade de promoción do Pazo Liñares


A Presidenta da Deputación recibe de mans de Rafael Cuíña as chaves das instalacións nun acto que simboliza o inicio da colaboración entre ambas institucións para potenciar a instalación

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva recibiu de mans do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, as chaves das instalacións do Pazo de Liñares, nun acto que os dous cualificaron como a posta en marcha da colaboración entre ambas institucións para a promoción das instalacións deste edificio.

Carmela Silva recordou que este “acto simbólico de entrega das chaves” non era máis que o comezo dun traballo conxunto para a promoción das instalacións do Pazo Liñares como un punto de referencia no traballo da arqueoloxía de toda a provincia e tamén como un dinamizador do turismo da localidade do Deza. No acto tamén estiveron presentes o tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González Casares, e o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor.

O Pazo Liñares divídese en dúas partes. Unha xestionada polo Concello de Lalín, onde se atopa o Museo das Marionetas, entre outras actividades e, unha segunda parte, da Deputación onde se atopa o laboratorio de traballo dos restos arqueolóxicos das escavacións que se están a realizar nos 18 castros da provincia. De feito, no recorrido polas instalacións a Presidenta puido comprobar como é todo o proceso dende que os restos que se atopan nos castros chegan ate Liñares e o traballo feito polos restauradores. A súa limpeza, clasificación e catalogación, e datación para o seu posterior almacenamento, antes de remitirse os museos.

De feito, na actualidade, no almacén do Pazo de LIñares se atopan preto de 200.000 pezas arqueolóxicas dos castros da provincia. Neste intre os técnicos traballan nas máis de vinte mil pezas atopadas en Castro Alobre e as máis de dez mil de A Lanzada.
Precisamente Carmela Silva quixo subliñar o traballo que fan os arqueólogos nestas instalacións como un reclamo para que todos os pontevedreses e pontevedresas podan coñecer como é o proceso dun achádeo arqueolóxico ate que pode expoñerse nun museo.

De feito, o centro de Pazo Liñares está dotado coa última tecnoloxía que permite que de unha pequena peza podase facer un escáner dixital en tres dimensións e obter o resto mediante as técnicas de impresión tamén en tres dimensións que garanten que se podan completar os restos que faltan.

Pola súa parte, o alcalde de Lalín agradeceu a dispoñibilidade da Presidenta da Deputación para colaborar na posta en valor do Pazo Liñares e estudar en conxunto as accións a desenvolver ao longo dos próximos meses para que este edificio sexa tamén un referente turístico na comarca do Deza.

Carmela Silva que destacou que mediante a cesión simbólica de hoxe das chaves de Pazo Liñares, a Deputación ía asumir os custes de mantenemento do edificio, subliñou que estas instalacións son de todos os veciños e veciñas de Lalín, e que grazas a lealdade e colaboración institucional se ían poñer en marcha proxectos de promoción e visibilización desta “xoia arquitectónica que seguramente e moi descoñecida para moitos pontevedreses e pontevedresas”.

Deja un comentario