+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Mos e Vigo os dous únicos concellos da Área con bus urbano


O transporte municipal mosense comezará cun período de proba gratuíto para os usuarios

Coa entrada en funcionamento do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros do Concello, que comezará a operar o vindeiro luns, 24 de outubro, Mos será, xunto con Vigo, o único municipio con bus urbano da Área Metropolitana.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, informaba hoxe de que, ademais de contar con transporte urbano, Mos tamén está adherido ó transporte metropolitano; no que pasará a integrarse o autobús municipal, unha vez asinado o pertinente convenio coa Xunta de Galicia. Dito convenio de colaboración asinarase próximamente, en canto se atope constituído o novo goberno da administración autonómica, que polo momento atópase en funcións.

Unha vez integrado no transporte metropolitano, o servizo municipal de transporte pasará a ter exactamente as mesmas características que o primeiro. O prazo estimado dende a administración local para que se produza a devandita sinatura do convenio é de entre un e dous meses, prazo que será adoitado como unha especie de período de proba durante o que os usuarios do bus urbano de Mos non terán que pagar por desprazarse dentro do termo municipal, sendo as viaxes gratuítas, agás se fan transbordo ao transporte urbano de Vigo ou ó metropolitano a calquera das outras localidades da Área. Deste xeito, durante este tempo de proba, calquera veciño/a poderá ir gratis ao Centro de Saúde, a Puxeiros, á Piscina Municipal, ao Instituto sito nas Pozas-Petelos…, por poñer algúns exemplos.

De cara á fin de semana todos os veciños/as mosenses irán recibindo nos seus respectivos domicilios por correo postal un folleto informativo no que se detallan as liñas do transporte municipal con tódolos seus horarios, frecuencias e paradas.

Ademais o propio luns, día 24, organizarase unha xornada inaugural aberta para que periodistas e particulares poidan coñecer os autobuses, as rutas e intercambiar opinións cos viaxeiros.

O período de contratación da empresa concesionaria, Autos Lar, será dun ano.

A idea de facer a concesión do servizo por un ano é para ver como funciona e se son moitos os pasaxeiros.

O servizo municipal de transporte conta cun regulamento aprobado por unha Comisión de Estudo integrada por representantes de toda a Corporación Municipal, no que se establecen, entre outras directrices de funcionamento, os dereitos e deberes dos usuarios do mesmo, as características que deben ter os autobuses que prestan o servizo, condicións de accesibilidade, etc.

As rutas e horarios deseñados poderán ser modificados pola administración local como considere segundo se vaian perfilando as necesidades do servizo unha vez este bote a andar. Esta posibilidade de modificación ven xa estipulada no regulamento aprobado pola Comisión de Estudo.

O estudo económico de costes do transporte municipal está estimado nuns 45.000 euros anuais polo departamento municipal de Intervención, aínda que para establecer os costes reais hai que esperar a coñecer o volume real de usuarios do servizo e, en función dos mesmos, os ingresos anuais que lle reportará á empresa concesionaria a prestación do servizo en Mos. Ditos ingresos calculáronse agora en base a unha estimación media de 7.000 euros/ano.

Unha vez asinado o convenio coa Xunta de Galicia e integrado o servizo de autobús municipal no transporte metropolitano, a tarifa establecida para o billete do transporte urbano mosense será a máis simple: 0,85 euros. Será un billete único e os usuarios non terán que volver a pagar durante unha hora aínda que fagan transbordo a outra liña tanto do transporte urbano como do interurbano a outros municipios da Área Metropolitana.

Detalles do servizo de transporte municipal

O proxecto de transporte municipal do Concello de Mos consiste nun sistema de buses lanzadeira distrubuídos en dúas liñas (Liña C1 verde e Liña C2 azul) que comuniquen as dez parroquias mosenses entre sí e coas paradas do transporte metropolitano sitas en Puxeiros, Peinador, Tameiga, Sanguiñeda e San Cosme en Cela; o que lles permitirá ós veciños e veciñas de calquera punto da localidade mosense desprazarse no transporte público en igualdade de condicións.

Ademais este servizo comunicará cos principais puntos de interese e afluencia veciñal do municipio que son o Centro de Saúde do Rebullón, o Instituto nas Pozas e o Pavillón Óscar Pereiro nas Pozas tamén.

O transporte municipal consta dun autobús lanzadeira de liña circular que comunicará as 10 parroquias mosenses entre sí e cos puntos de enlace e/ou zonas de intercambio co Transporte Metropolitano, para poder desplazarse ata calquera dos municipios da Área Metropolitana. Deste xeito garántese a mobilidade de todas as parroquias tanto entre elas como con outros concellos metropolitanos.

Deja un comentario