+034 986 09 02 04 Xoves 03 de Decembro de 2020

O concello convoca unha reunión no composteiro das Lagoas para informar sobre o seu funcionamento


A charla está organizada para o vindeiro luns ás sete da tarde, xunto ao composteiro sito nos Xardíns de Urbano Lugrís, ao carón da pista polideportiva

O Concello de Bueu xa ten instalado o primeiro dos tres composteiros cos que vai contar a vila no marco do Plan Revitaliza financiado pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración dos concellos da provincia. E por iso, co obxectivo de explicar como funcionan estas instalacións de reciclaxe in situ, o Concello convoca unha reunión informativa para o vindeiro luns 24 de outubro ás 19 horas xunto ao composteiro, situado nos Xardíns de Urbano Lugrís, ao carón da pista polideportiva. O alcalde da vila, Félix Juncal, “anima a todos os veciños e veciñas da contorna a participar e coñecer como funciona este sistema novidoso e respectuoso co medio ambiente”.
Nesta xuntanza, na que estarán responsables municipais e o mestre composteiro, ten como obxectivo informar sobre como se vai levar a cabo este proceso, co que o goberno agarda reducir os residuos orgánicos e os custes derivados deste traslado a SOGAMA.
Ademais deste, a concellaría de servizos de Bueu, dirixida por Fidel Castro, organizou a instalación doutros centros de compostaxe similares na rúa Xosé María Estévez e xunto ao pavillón municipal, esta última unha zona estratéxica debido a que se concentran tamén institutos e colexios desde os que se pode concienciar ás xeracións máis mozas. A idea que manexan desde os entes provinciais e municipais é que calquera persoa pode ser capaz de levar a cabo este proceso, que consiste en transformar restos orgánicos en compost, un abono natural beneficioso para os nosos solos.
E para preparar esta charla, o concelleiro Fidel Castro asistiu este xoves ao seminario “Composta en Rede” celebrado en Pontevedra e que culmina hoxe, coas visitas ao Centro Príncipe Felipe e a presentación do proxecto de compostaxe do Concello de Allariz, dúas iniciativas de éxito.

Deja un comentario