+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva visita as obras de apertura dun viario na Illa de Arousa realizadas ao abeiro do “Plan Concellos 2016”


O concello da Illa recibiu un investimento total da Deputación de Pontevedra situado en máis de 522.000 €, entre os que resaltan os case 400.000 € do “Plan Concellos 2016”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, seguiu o seu percorrido por distintas obras que a institución provincial puxo en marcha ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2016”. A Presidenta e o deputado provincial achegáronse á Illa de Arousa, vila na que xa finalizaron os traballos para a apertura dun viario na travesía Entrecortiñas, e que recibiu un investimento do “Plan Concellos 2016” situado en 49.628,51 €. Durante a visita tamén estivo presente o alcalde da vila, Carlos Iglesias Cores.

Carmela Silva asegurou que esta obra, que supón un importante alivio de tráfico na vila, vén amosar que “hai obras que non teñen que supor millóns de euros pero que transforman por completo as súas contornas”. Ademais, felicitou ao alcalde da vila e á súa corporación municipal “polas decisións que teñen tomado e por dedicar os recursos a facer da Illa de Arousa un espazo onde a xente poida vivir con calidade de vida, onde a mobilidade e os espazos públicos sexan unha área moi grande de acción política ao ser a única vía para a socialización. Os lugares onde pasamos toda a nosa vida se teñen que converter en espazos amables”, declarou.

A Presidenta asegurou tamén que “dende a Deputación cremos nun territorio pensado para as persoas, onde as mulleres, homes, nenas e nenos, mozas e mozos, dos 62 concellos da provincia poidan vivir nun hábitat agradable, desenvolver as súas vidas e ser o centro da acción política”. A este respecto, lembrou que “a institución provincial, sobre todo a través do Plan Concellos 2016 de cooperación coas vilas, só cumpre coa súa obriga de apostar e dedicar recursos aos concellos de toda a provincia, particularmente aos de menos de 20.000 e máis aínda aos de menos de 10.000 porque teñen que garantir os mesmos servizos e dereitos pero non contan con recursos para iso”.

O rexedor municipal, Carlos Iglesias, agradeceu á Deputación de Pontevedra “o seu interese nestas vilas pequenas” e por, ademais, “ser tratados por este novo Goberno dunha forma absolutamente diferente a como viña ser tratada A Illa ata agora, considerando os nosos proxectos coa máxima dilixencia”. A Presidenta asegurou, ademais, que nun prazo de arredor de 10 días comezarán as obras para o Edificio de Usos Náuticos (no que a Deputación de Pontevedra inviste 1.200.000 € a maiores dos 522.000 € deste ano) que, por mor dun problema no estudo anterior relativo á estrutura do edificio, tiveron que ser suspendidas. “Ademais de pór en marcha novas políticas e iniciativas o noso Goberno tivo que facer fronte ás cuestións do anterior, porque este non é nin de preto o único caso de obras, equipamentos ou viarios nos que nos atopamos con serias dificultades ao chegar á Deputación de Pontevedra”, asegurou a Presidenta provincial.

A Deputación de Pontevedra destinou á Illa de Arousa nestes 10 meses do ano 2016 preto de 523.000 €, isto é, un investimento de 105,50 € por habitante. Resalta o orzamento do “Plan Concellos 2016”, que por valor de máis de 399.800 € supuxo un aumento de 30.000 € respecto ao ano anterior. A liña 1 do “Plan Concellos 2016” achegou 297.000 € á vila cos que se están a realizar a pavimentación de distintos lugares, a recuperación da Praza do Charco e o acondicionamento da Escola de Pau (tamén se encadra nesta liña a apertura do viario visitado). Tamén na liña 4 se crearon 13 postos de emprego nos servizos municipais, ademais de recibir tres bolseiros e bolseiras nos plans de práctica laboral tanto no Concello (dous) como no seu tecido empresarial (un), cun investimento total en emprego de 117.000 €.

Á marxe do “Plan Concellos 2016”, A Illa de Arousa tamén recibiu 30.500 € en políticas sociais, grazas aos 8.000 € que recibiu para axudas de emerxencias e a que a súa veciñanza se beneficiou dos programas “Depo Aventura A Lanzada” ou as axudas no fogar (máis de 21.000 €). Ademais, a Deputación de Pontevedra investiu en diversos programas de Igualdade como o programa municipal de prevención da violencia de xénero (2.000 €). Do mesmo xeito, A Illa recibiu un investimento de máis de 12.000 € en cultura entre as actividades do Ano Castelao, máis de 20 actuacións do Pontegal ou as restauracións do lavadoiro e o pozo na Abilleira, outros 21.000 € para o Atlantic Fest, que forma parte dos Festivais Rías Baixas impulsados pola institución provincial, unha aposta de máis de 20.000 € en deportes (colaboración cos clubs como o de Piragüismo, con máis de 10.000 €, ou a DEPOrte Escola de piragüismo) e outras partidas destinadas ao medio ambiente (mantemento do campo de fútbol Salvador Otero e axudas á Confraría de Pescadores e Pescadoras San Xulián).

Deja un comentario