+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O Goberno local e a Plataforma da estrada autonómica PO-234 anuncian novas mobilizacións contra a “Cacicada”


A primeira actuación consistirá nunha caravana de coches polo perigoso tramo das curvas de Laxoso o próximo 13 de novembro

A protesta contra a “Cacicada da PO-234” segue moi viva. A Plataforma veciñal e o Goberno local mantiveron unha xuntanza na que coincidiron na súa preocupación pola pasividade da Xunta de Galicia tras a manifestación celebrada o pasado día 1 deste mes de outubro, na que se reivindicou que as anunciadas obras de reforma abrangan a totalidade da estrada, sen deixar fóra as perigosas curvas de Laxoso.
O primeiro acordo da xuntanza foi a organización dunha caravana de vehículos que percorrerá a estrada durante a mañá do próximo domingo, día 13 de novembro. Optouse por unha data en un horario que prexudique o menos posible ao tráfico porque só se pretende poñer o acento na reivindicación cívica e colaborativa. Nos próximos días tramitaranse as autorizacións pertinentes.
Na xuntanza participaron o alcalde, Andrés Díaz (PSdeG-PSOE), o tenente de alcalde Alfonso Gutiérrez (AVP) e o concelleiro Manuel Barreiro (BNG). Nela tamén explicouse a deficiente resolución adoptada pola Xunta Electoral Provincial que provocou a suspensión da manifestación programada durante a última campaña das Autonómicas. Unha resolución que, como xa se informou, contiña un erro formal na determinación do réxime de recursos aplicable.
Ambas partes seguen coincidindo en que é urxente que se acometa a reforma integral do tramo caldelán desta estrada. O Concello dispón dun informe policial que acredita as deficiencias técnicas e normativas nesta parte da estrada. Sen embargo, a Xunta de Galicia segue empecinada en limitar as obras ao tramo de Cotobade, mesmo incumprindo vellas promesas electorais que se remontan ao ano 2011.
A indignación veciñal é patente, pois no que vai de mes téñense producido, cando menos, tres saídas da vía. Os veciños están recompilando fotografías destes accidentes e están moi molestos porque a brigada de conservación da Xunta de Galicia dáse moita présa en reparar os danos nas biondas e outros elementos, pero isto non se traduce en nada máis. Ao mesmo tempo, dispoñen de gravacións que amosan o perigo que supón o tránsito de vehículos pesados, que se ven obrigados a invadir o carril contrario nas curvas máis pechadas.
Por outra banda, o Goberno local e os veciños confían en que co novo Goberno da Xunta de Galicia se produza un relevo á fronte da Consellería de Infraestruturas, pois a súa última titular, Ethel Vázquez, ten demostrado unha preocupante incapacidade para o diálogo e tamén que o interese público e a seguridade viaria non son os seus criterios principais á hora de priorizar as obras de mantemento e mellora da Rede Autonómica de Estradas.

Deja un comentario