+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación propón unha reforma integral da estrada de Rebón en Moraña para garantir a seguranza viaria


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe á alcaldesa un novo proxecto para a EP-0503

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou á alcaldesa de Moraña unha proposta para reformar de xeito integral a estrada de Rebón (EP-0503), mellorar a seguranza viaria e garantir unha mobilidade sostible. O proxecto inclúe plataformas elevadas nas interseccións, redutores físicos de velocidade, pavimentos diferenciados e zonas 30, así como tratamentos singulares en espazos como o acceso á igrexa, a parada do bus ou a zona do lavadoiro. Así mesmo, renovaranse totalmente as canalizacións de augas pluviais para resolver a problemática actual de asolagamentos.

Uxío Benítez plantexou esta posibilidade logo de ter resolto o proxecto da variante de Rebón o pasado mes de xullo por ser unha obra “claramente ilegal”, carecer de informes preceptivos ou ser insalvables, supoñer “afeccións gravísimas ao patrimonio” e non estar xustificada tecnicamente nin polo tránsito de vehículos.
O novo proxecto, elaborado por unha asistencia técnica, pretende ser un exemplo de como se debe facer un tratamento dunha travesía seguindo criterios de sustentabilidade: buscando a convivencia entre os tránsitos peonís e rodados e mellorando a seguranza viaria a través da redución da velocidade. De feito, a actuación está deseñada para calmar o tráfico a través de diferentes elementos tales como a instalación de zonas 30 (con sinalización horizontal e vertical), a construción de plataformas elevadas nos cruces e tamén de redutores físicos de velocidade. Así mesmo, haberá pavimentos diferenciados nas zonas de convivencia onde os largos non permitan espazos diferenciados para peóns e vehículos, ao igual que se colorearán os itinerarios peonís para que os condutores non invadan o espazo. “Este calmado do tráfico do novo proxecto supón un importante chanzo para a seguranza viaria, pero apenas supón un minuto de diferencia en tempo para os condutores que pasasen o núcleo a través da variante anulada. Creo que o cambio paga a pena”, salientou o nacionalista.
Por outra banda, segundo explicou o deputado Benítez, a intención é aumentar a calidade de vida dos veciños e veciños da zona, polo que se mellorará tamén o tratamento do espazo público en zonas singulares. Así, buscaranse pavimentos pétreos para a zona de acceso á igrexa e melloraranse substancialmente as áreas do lavadoiro e a parada do autobús coa intención de poñelas en valor.
Substitución de tubaxes
Cabe destacar que a proposta trasladada hoxe polo deputado de Mobilidade á alcaldesa de Moraña recolle tamén unha renovación total das canalizacións de pluviais, que neste momento están en moi mal estado xa que se producen continuos asolagamentos e bolsas de auga. O proxecto recolle a substitución de todos os colectores e tubaxes, así como dos sumidoiros existentes. Esta parte do proxecto, que é unha das que se leva boa parte do gasto, permitirá eliminar os importantes problemas de seguranza viaria que se presentan nos días de chuvia.
Outras das melloras que están previstas no novo proxecto (aínda non pechado definitivamente) é a substitución das luminarias, que suporán unha maior eficiencia enerxética, xa que as lámpadas serán de leds. “Isto reducirá a contaminación lumínica e ademais suporá un menor consumo para o Concello”, explicou Benítez.
O proxecto elaborado para a EP-0503 abarca un ámbito de actuación de 1.160 metros de lonxitude e 8.138 metros cadrados e ten un orzamento aproximado de 415.000 euros.
Irregularidades graves e insalvables
O proxecto da variante para o núcleo de Rebón anulado no mes de xullo tiña graves irregularidades de tramitación. Non tiña informe de Augas de Galicia a pesares de canalizar un regato, carecía de avaliación ambiental e tampouco dispoñía de informe de Patrimonio a pesares de pasar pola fronte dunha igrexa románica do século XII. Ante esta situación, solicitárase informe ao arqueólogo provincial, que concluíu que as obras afectaban “de forma inaceptable ao patrimonio cultural de Galicia”, xa que, entre outras cousas, supoñían movementos de terras e creación de noiros de 15 metros de altura apenas 50 metros diante da propia igrexa.
Por outra banda, segundo asegurou o responsable de infraestruturas provinciais, os criterios para a construción da variante de Rebón non se axustan a necesidades técnicas. “Non compartimos que se fagan variantes para núcleos de poucas casas. Non se xustificaba facer as obras pola eficiencia dos recursos públicos e menos tendo unha intensidade media diaria de vehículos que está por baixo dos 500 coches ao día”, subliñou o deputado.

Deja un comentario