+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra baixa os prezos dos viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín


Carmela Silva manifestou que “queremos facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o establecemento e regulación do prezo público polos servizos que se prestan nos viveiros de empresas de Barro-Meis e Lalín. A través desta regulación os prezos dos viveiros baixan incluso ata máis da metade co obxectivo –tal e como asegurou a Presidenta da Deputación- “de facer un esforzo para que as naves e oficinas dos viveiros sexan máis atractivas para a instalación de novas empresas, autónomos, pemes e persoas emprendedoras”.

Carmela Silva asegurou que “o que nos atopamos cos viveiros -non moi diferente á maioría das cuestións herdadas- foron unhas instalacións postas en marcha sen ningún estudio previo de viabilidade; sen ter en conta a situación económica na que se acometía o investimento, en plena crise económica, cando estaban a pechar numerosas empresas; e sen analizar as repercusións que poderían producir, ocasionando un efecto negativo, ante un exceso de oferta e diminución da demanda”. Amais, Silva engadiu que “as dimensións coas que contaba, sobre todo o viveiro de Lalín, eran erróneas, con naves de tamaño excesivo, cunha distribución irracional de oficinas e naves e sen dar resposta ás novas formas de xestión”.

Ante esta situación o goberno provincial puxo en marcha, nun primeiro momento, unha cotas con prezos de mercado inferiores ós do mercado libre, co obxectivo de ocupar o solo e incentivar a promoción económica, o emprego e as condicións para a creación de novas empresas. Sen embargo, “baseándonos en estudos e análises –tal e como manifestou a Presidenta da Deputación- consideramos que máis que cotas é preciso que a natureza xurídica das tarifas para o uso dos viveiros fosen prezo público, dándolle así máis seguridade ás persoas viveiristas”.

Por todo elo sumando a transformación da cota en prezo público e que, tras realizar un estudo sobre as catro persoas que están a desenvolver labores administrativas nos viveiros, se descubriu que o 80% do traballo realízano para a Deputación e o 20% para as persoas viveiristas”, a partir do 1 de xaneiro de 2017 os prezos dos viveiros de Barro-Meis e Lalín serán máis baixos e con maiores garantías.

Carmela Silva manifestou que “estes novos prezos públicos son o resultado de estudos e análises serios sumados ó esforzo que estamos a facer para impulsar o emprendemento como motor do desenvolvemento económico e social da provincia de Pontevedra”.

Deja un comentario