+034 986 09 02 04 Domingo 05 de Xullo de 2020

O Goberno local de Ponte Caldelas cumpre cos veciños de Parada e restaura a condución de augas de rego coñecida como “a presa”


A actuación, que supuxo meses dun intenso traballo manual, permitiu a recuperación dunha infraestrutura histórica
Os aproximadamente cinco quilómetros da condución de augas de rego que van dende o río Verduxo, na zona do Balneario, ata o núcleo de Parada volven a estar en funcionamento despois de moitos anos de abandono gracias ás obras de restauración acometidas polo Concello de Ponte Caldelas. Cúmprese así a promesa realizada diante da principal petición formulada na asemblea veciñal celebrada o pasado ano.
O Goberno local, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantivo asembleas cos todos os veciños dos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas e está empeñado e facer, cando menos unha obra ao ano en cada un deles. No lugar de Parada foi unánime a reclamación para a recuperación de “a presa”, despois de tres décadas de abandono dunha infraestrutura histórica.
O alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos tenentes de alcalde Quique Vidal e Lito Muíños e do concelleiro José Manuel Martínez, visitou as obras. Os traballos, acometidos pola brigada municipal, foron moi intensos, pois a canle que trae a auga polas ladeiras do monte, estaba completamente atorada de troncos, pedras, terra, herba e moitas raíces. O difícil acceso obrigou a un labor manual e mesmo fixo preciso adaptar unha carreta para transportar o material e a ferramenta.
Andrés Díaz, destacou a antigüidade desta infraestrutura e a fermosura dalgúns dos seus tramos. Foi construída hai case un século polos veciños de Parada para abastecerse de auga e regar as leiras. Foi cedida verbalmente ao Concello hai máis de dúas décadas, pero dende entón non se fixo labor de mantemento algunha polo que levaba moito tempo fóra de servizo. Ademais da súa utilidade para as labores agrícolas tamén está acreditada a súa necesidade para alimentar os pozos dos que se serven moitos veciños da zona, especialmente nos períodos de seca.
O que en Parada coñecen como “a presa” é unha canle cunha anchura que oscila entre os 30 e os 40 centímetros. En moitos tramos está revestida cunhas placas de formigón que foi necesario reparar, así como retomar a práctica totalidade das xuntas para evitar as perdas. Ao seu paso alimenta tres muíños ata a rematar, xa na ladeira oposta ao núcleo de Parada, no Muíño da Costa, unha singular peza de arquitectura tradicional con tellado de pedra. A partir de aí, a canle discorre aínda un par de centos de metros en dirección a Cuñas ata o seu remate, flanqueada ás veces por muros de pedra tradicionais, irrigando todo o val aproveitando a caída natural do terreo.
Dáse a circunstancia de que a traza desta singular infraestrutura comunal é utilizada tamén por excursionistas, pois ao seu carón é posible facer unha ruta circular entre o centro de Ponte Caldelas, Parada e Cuñas, seguindo sempre a marxe norte do río Verduxo.

Deja un comentario