+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

O Concello organiza unha excursión ao santuario do Corpiño (Lalín) para o próximo día 27


Só hai 50 prazas dispoñibles e outorgaranse por rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais

O Concello de Ponte Caldelas continúa apostando pola política de dinamización cultural dos veciños a través de excursións a diferentes fitos do territorio galego. Despois do éxito do programa desenvolvido ao longo do ano, con seis saídas a lugares emblemáticos, e nos que participaron máis de 500 veciños, organízase unha última excursión ao Santuario do Corpiño (Lalín) para o próximo día 27, co que remata este apartado para este ano.
O grupo de goberno, integrado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, estaba a recibir numerosas peticións dos veciños de persoas interesadas e optou por ampliar o calendario. Só haberá 50 prazas dispoñibles, que serán adxudicadas por rigoroso orde de inscrición nas oficinas municipais.
O prezo da actividade é de 16 euros, que inclúe todos os gastos do transporte e tamén un xantar, que se fará durante a ruta no restaurante concertado, que inclúe un menú a base de caldo, pescada á romana con ensalada, carne asada con guarnición, auga, viño, café e mesmo unha breve sesión de baile.
A saída será ás 8.30 horas dende Ponte Caldelas para iniciar o percorrido cara a Lalín, onde se visitará o Pazo de Anzuxao, onde os participantes poderán degustar e tamén mercar os seus famosos queixos de elaboración tradicional. A continuación, saída ata a parroquia de Losón para visitar o santuario do Corpiño, un dos máis tradicionais de Galicia. A visita farase coincidir co horario da misa para que, quen o desexe, poda asistir.

Deja un comentario