+034 986 09 02 04 Venres 17 de Novembro de 2017

Unha manifestación de vehículos polo tramo caldelán da PO-234 retoma este domingo as protestas para esixir o arranxo da estrada


Un vídeo, que está a circular polas Redes Sociais, recolle a baixada dun camión madereiro e o perigo que se produce cada vez que se cruza cun coche
Ponte Caldelas será o escenario este próximo domingo, día 13, dunha nova mobilización para reclamar da Xunta de Galicia o arranxo integral da estrada PO-234, un dos viais máis perigosos da Rede Autonómica de Estradas. A protesta está organizada conxuntamente pola Plataforma veciñal e o Concello de Ponte Caldelas, que se ocupou de presentar a comunicación previa diante da Subdelegación do Goberno e tamén, por cortesía institucional, diante da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.
A manifestación partirá ás 12.30 horas dende a Casa do Pobo de Laxoso e fará un percorrido ata o centro de Ponte Caldelas, baixando polas sinuosas curvas de Laxoso, con retorno ao punto de partida. Estará encabezada por un furgón do Concello e nela participarán todos os veciños que queiran sumarse cos seus vehículos particulares, “engalanados” con carteis reivindicativos e facendo soar os seus claxons. A elección da xornada do domingo e o propio horario fíxose para tratar de producir os menos prexuízos posibles ao tráfico ordinario.
Producirase así a segunda mobilización popular en contra da “Cacicada da PO-234”, é dicir, o anuncio por parte da Consellería de Infraestruturas durante a pasada campaña electoral autonómica da realización das obras de acondicionamento desta estrada só no tramo correspondente ao municipio de Cerdedo-Cotobade, deixando fóra o tramo caldelán, onde existe maior presión poboacional e, ademais, se sitúan as conflitivas curvas de Laxoso.
Os veciños de Laxoso teñen gravado un vídeo no que se recolle o paso dun camión madereiro. Nas imaxes apréciase perfectamente a imposibilidade de que os vehículos pesados circulen sen invadir o carril contrario e as esceas que se producen a diario nestas perigosas curvas, onde o cruzamento de dous vehículos é unha manobra arriscada. O vídeo está a espallarse polas Redes Sociais e motivando moitos comentarios.
Esta nova mobilización é froito das conversas entre a Plataforma veciñal e o Goberno local de Ponte Caldelas, integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, para canalizar a indignación popular diante dunha decisión da Xunta de Galicia que ninguén comprende en ningún dos dous municipios afectados. Xa o pasado 1 de outubro celebrouse unha manifestación polas rúas de Ponte Caldelas que contou coa presencia de centos de veciños.
O alcalde, Andrés Díaz, xa anticipa que pedirá unha entrevista ao novo responsable da Consellería de Infraestruturas en canto se anuncie a composición do novo Goberno galego, unha petición que virá a sumarse á que xa tramitou (aínda sen resposta) ao presidente galego, Alberto Núñez Feijoo.

Deja un comentario