+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

O Concello lanza un amplo programa contra a violencia de xénero con concursos, obradoiros, charlas e rutas


Haberá concursos de postais, para cativos de 8 a 11 anos, e de fotografía, para a mocidade de 12 a 18 anos

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de lanzar un amplo programa de actividades contra a violencia de xénero que se desenvolverá ao longo deste mes de novembro, xa que o día 25 é a xornada internacional contra esta lacra, e que inclúe concursos para a mocidade, obradoiros, charlas-coloquio, contacontos, unha andaina e o acto central con lectura dun manifesto e a colocación dunha pancarta. En total, programáronse ata nove actividades para concienciar no respecto ás mulleres e na igualdade de xénero.

As actividades arrancarán con sendos concursos de postais e fotografía para a mocidade. Así, haberá un certame de postais para os cativos de 8 a 11 anos orientado a todos os escolares dos colexios de Carballedo e Tenorio, que terán que elaborar as súas creacións contra a violencia de xénero cun lema en galego ata o vindeiro venres, data na que serán recollidas por persoal municipal. Haberá un primeiro premio dun lote de material e libros valorado en 75 euros e un segundo taxado en 50 euros. Ademais, estes dous traballos servirán de portada e contraportada ao tríptico municipal de apoio ás mulleres.

Paralelamente, xa está en marcha o concurso de fotografía, para mozos de 12 a 18 anos, que deberán presentar as súas imaxes no mail cultura@concellodecotobade.org ata o vindeiro venres ás 14.00 horas. Os traballos deberán acompañarse dun lema en galego e o gañador recibirá unha tablet valorada en 150 euros e será a imaxe do cartaz da campaña municipal de prevención da violencia de xénero. Pódese recabar máis información na páxina web municipal ou no perfil en Facebook de Cotobade Cultura.

Xa nas portas do 25N, o Concello porá en marcha o obradoiro de autoestima para mulleres “Gústate. Quérete”, que é de inscrición gratuíta e contén 30 horas de formación que se impartirán os mércores e venres de 18.00 a 20.30 horas. Esta actividade, organizada por

Servizos Sociais e que comezará o día 23, ten aberta a matrícula ata o día 18 nas oficinas do concello ou chamando á estensión 2 do teléfono 986 760001.

Actos centrais

Xa na fin de semana que arranca no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, as actividades comezarán o venres 25 cun obradoiro de defensa persoal impartido polo instrutor Antonio Garrido, da escola Muay Thai Academy. Será de 11.00 a 12.00 horas na Praza do Concello. A continuación, no mesmo lugar, procederase á lectura dun poema-manifesto e á exposición dunha pancarta conmemorativa contra a violencia de xénero coa presenza do presidente, Jorge Cubela, e doutros representantes municipais.

O sábado 26, a Praza do Concello acollerá, dende as 17.30 horas, o contacontos da igualdade “Arturo e Clementina”, orientado ao público infantil, e posteriormente a charla-coloquio “Polos bos tratos” sobre prevención e accións contra a violencia de xénero. Esta actividade repetirase dende as 19.30 horas na Casa do Pobo de Tenorio para facilitar o acceso da mesma á meirande parte da veciñanza.

Finalmente, o domingo 27 celebrarase unha andaina en defensa das mulleres percorrendo o denominado Roteiro das Buratas. Esta camiñada reivindicativa, que se desenvolverá de 11.30 a
13.30 horas, comezará na área recreativa do Pozo Negro e, durante a mesma, todos os participantes soltarán un globo en lembranza das vítimas de violencia de xénero.

Deja un comentario