+034 986 09 02 04 Luns 20 de Novembro de 2017

Os catro bolseiros do Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra continuarán seis meses máis no Concello de Ponteareas


Caritina Philippon, José Manuel Cuñarro, Lorena Bernárdez, e Manuel Piñeiro levan a cabo as súas funcións nos departamentos de Urbanismo, Vías e Obras, en Intervención e Tesourería, no Centro de Atención Temperá de ASPRODICO, e en Comunicación, respectivamente
Os bolseiros levaron a cabo as tarefas nas súas áreas específicas durante 6 meses, desde maio, e agora acadaron a prórroga para os seguintes seis meses, até o peche de abril. A Deputación de Pontevedra asume a súa completa retribución dentro do Plan de Práctica Laboral no que outorgaron 200 bolsas a candidatos entre diferentes municipios da provincia.
O Concello de Ponteareas, por unha beira, abre as súas portas a unha oportunidade laboral para os mozos e mozas e mais, por outra, o Concello completa o seu cadro de persoal nestes departamentos.
A arquitecta Caritina Philippon, bolseira na Oficina Técnia, entende que o transcurso dos diferentes traballos reforzaron as súas habilidades para investigar, formular e desenvolver os proxectos que contribúen á solución de problemas no eido do urbanismo. Salienta, ademais, o apoio, colaboración e supervisión do resto de membros do equipo da oficina técnica.
Desde o punto de vista do economista, e bolseiro en Intervención e Tesourería, José Manuel Curraño a mellora das habilidades comunicativas é patente xa que a atención o público é habitual e esixente no día a día municipal. O coñecemento da administración pública e das normativas que rexen tanto para a función pública como para os cidadáns, tamén é un tema que destaca.
A pedagoga Lorena Bernárdez sinala que as prácticas permítenlle exercer a profesión para a que estudou nun perfil adecuado. Entende que amais de aprender, pode aplicar os coñecementos teóricos dos seus estudos. Nese aspecto, indica que é acertada a orientación das prácticas.
O xornalista, e bolseiro no ámbito da Comunicación, Manuel Piñeiro indica que a comunicación política e institucional é transversal no Concello, o que lle permitiu entender o seu oficio desde o respecto ao servizo público e a maior información ao cidadán.

Deja un comentario