+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Carmela Silva anima aos empresarios a contratar aos becarios do Plan de Práctica Laboral



A Presidenta da Deputación subliña que a inserción laboral dos becarios alcanza ao 40 por cento dos inscritos

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou hoxe aos empresarios presentes na xornada sobre o plan de práctica laboral a contratar aos seus becarios unha vez rematado o período de prácticas para aproveitar a súa dobre formación a académica e o seu primeiro contacto co mundo laboral.
O salón de actos do Museo de Pontevedra acolleu hoxe unha xornada na que participaron as empresas que solicitaron becarios con cargo ao plan de práctica laboral que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra. Esta xornada contou coa conferencia de Xavier Martínez Cobas, profesor de Administración e Finanzas na Universidade de Vigo que valorou a importancia dun programa que supón un espazo intermedio entre a formación regrada e o mundo laboral. Tamén o empresario Bruno Rodríguez da empresa “Reduce, soluciones de ahorro energético” mostrou a súa experiencia con este plan.
Carmela Silva destacou ante os empresarios que a intención con esta xornada era poder reflexionar en conxunto sobre o plan “para coñecer as vosas impresións porque así nos permitirá mellorar cara ao futuro”.
A Presidenta da Deputación sinalou que as administracións, aínda que non teñan competencias como é o caso da institución provincial, non poden ser alleas a un dos principais problemas da sociedade como é o desemprego e neste mundo cambiante a formación é unha das claras apostas para garantir unha mellor empreabilidade. “As prácticas nas empresas serven para seguir formando pero sobre todo para que acadar un coñecemento real do mundo laboral”.
As empresas demandaron titulacións de Administración e Dirección de Empresas, Enxeñería Técnica Informática, Ciencias Empresariais, Arquitectura e Publicidade e Relacións Públicas. No caso de ciclos superiores de formación profesional, o que máis solicitaron as empresas son persoas con formación en administración e finanzas, marketing e publicidade, ventas e espazos comerciais e axencias de viaxes e xestión de eventos. As 400 bolsas que se convocaron tiveron 921 solicitudes. Ó exame presentáronse 558 persoas e adxudicaranse preto de 300 bolsas.
Ata o momento foron contratadas na mesma empresa onde realizaron as prácticas no marco do Plan de Práctica Laboral aproximadamente 60 persoas que supoñen o 15%. Amais, temos constancia de que hai bolseiras e bolseiros que atoparon traballo noutras empresas (non participantes no plan de práctica laboral) o que nos leva a falar dunha porcentaxe de inserción laboral do 40%.
Por último, Carmela Silva subliñou que con este plan, que voltará a editarse o próximo ano, as empresas deberían aproveitar para dotarse dunha mano de obra que reúne unha boa formación regrada coa experiencia adquirida no desenvolvemento das prácticas “dándolle unha oportunidade de emprego as mozos e mozas que participan no plan. Debería ser un compromiso por parte das empresas para garantir a creación de riqueza na nosa provincia”.

Deja un comentario