+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

O PP denuncia que a humanización da Franqueira, na Cañiza, continúa parada un ano despois de adxudicar as obras


O alcalde, Miguel Domínguez, pediu esta mañá no rexistro da Deputación unha reunión urxente con Carmela Silva

O Partido Popular denuncia que un ano despois de adxudicar as obras de mellora, recuperación e posta en valor do entorno do Santuario da Franqueira, o proxecto está totalmente paralizado. Por iso, esta mañá o alcalde e presidente local do PP na Cañiza, Miguel Domínguez, trasladouse ata a Deputación de Pontevedra para pedir unha reunión urxente coa presidenta, Carmela Silva. Esixe que os veciños desta parroquia merecen unha explicación dos motivos polos que a institución provincial ten bloqueados este e outros proxectos fundamentais para esta zona.

Miguel Domínguez, que estivo acompañado pola voceira do PP provincial Nidia Arévalo e o deputado da comarca, Julio Alén, criticou que a presidenta da Deputación continúa sen recibilo, a pesar de que no último ano pediu ata tres reunións –en novembro de 2015, xaneiro e xullo de 2016-, para trasladarlle as necesidades e inquedanzas dos veciños. Por iso os populares insisten en que hoxe máis que nunca as portas e ventás da Deputación están completamente pechadas, e os veciños da Cañiza se atopan totalmente desamparados pola nova Deputación de Pontevedra.

O alcalde explicou que o proxecto de mellora, recuperación e posta en valor do entorno da Franqueira, aprobouse en abril de 2015, e adxudicouse en novembro, cun orzamento de 322.000 euros e un prazo de execución de dous meses, pero a realidade é que un ano despois a obra de humanización continúa sen realizarse e o proxecto está totalmente paralizado. Precisamente, foron os veciños desta parroquia os que amosaron hai uns dúas a súa preocupación por este e por outros proxectos que estaban en marcha ou comprometidos e dos que nada saben.

Nesta liña, o alcalde e os veciños da parroquia tamén esixen que se recupere o mantemento das estradas provinciais, que son as únicas que dan acceso á parroquia. Miguel Domínguez criticou que é incomprensible que neste ano e medio de goberno bipartito a Deputación non se ocupase nin de limpar as cunetas, cando sempre se realizaron actuacións para aumentar a seguridade viaria de peóns e vehículos, tales como rozas e limpeza de cunetas, mellora do firme, sinalización horizontal e vertical, balizamento ou iluminación, entre outros. Recorda que nestas estradas hai unha afluencia importante tanto de autobuses como de persoas que peregrinan a pé ao santuario, polo que é fundamental ter a punto as estradas provinciais para garantir a súa seguridade.

Precisamente relacionado coa seguridade de peóns e vehículos, e tendo en conta que A Franqueira é unha área de especial interese relixioso, histórico, cultural e arquitectónico, tamén piden ao goberno bipartito que modifiquen o trazado e amplíen a plataforma das vías de acceso ao núcleo da Franqueira desde o enlace coa A52.

Deja un comentario