+034 986 09 02 04 Martes 11 de Decembro de 2018

O Concello e os hosteleiros poñen en marcha “Caldelas Tapas Quentes” para dinamizar os venres do mes de decembro


Pepe Solla (unha estrella Michelín) e Sergio Orge e Rubén González (gañadores do concurso de tapas de Galicia) serán o xurado cualificador

Unha ducia de establecementos hosteleiros de Ponte Caldelas participan na primeira edición do concurso “Caldelas Tapas Quentes”, que chega para dinamizar as noites de venres do mes de decembro na Vila do Verduxo. Unha ocasión inmellorable para gozar dun ambiente agradable e gozar da creatividade culinaria da restauración local.
A relación de locais e tapas, que estarán dispoñibles durante as noites dos venres, 2, 9, 16, 23 e 30 de decembro, é a seguinte: Churrasquería A Fonte (Potaxe mexicano), O Recanto (Moflete), Klimbin (Escondidiño puré de iuca), Acuña (Capriño boloñés), Pecas (Pastel de polo con salsa tártara), bar Parada (Pincho de montaña), Cervexaría Alameda (Lacón con ovo), Alalá (Delicias da horta), Verdugolandia (Merluza en salsa vermella), Aries (Risoto de outono), bar Puente (Carrilleiras de tenreira con redución de Mencía) e restaurante 501 (Pantalán). Un elenco variado que volverá ofrecer a súa tradicional mestura entre cociña galega e suramericana.
A novidade deste formato de tapas quentes para o Nadal está na eliminación da votación popular, que será substituída por un xurado profesional formado por Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), cociñeiro galardoado cunha estrella Michelín, e por Sergio Orge Orge e Rubén González Vallejo (El Cafetín), gañadores dos concursos De tapas por Galicia e Pontedetapas, de Pontevedra. O fallo darase a coñecer ao remate do certame.
O equipo de goberno de Ponte Caldelas, formado pola coalición de PSdeG-PSOE, AVP e BNG, decidiu desdobrar o concurso de tapas de verán cunha edición de Nadal como fórmula de apoio constante á hostelería. A resposta dos empresarios foi entusiasta. A práctica totalidade dos locais volveron sumarse a unha iniciativa que vai a máis e atrae moita xente dos concellos dos arredores e mesmo das cidades de Pontevedra e Vigo.
O alcalde, Andrés Díaz, volveu agradecer a implicación da hostelería local, que sempre está disposta a traballar da man do Concello, unha simbiose que está a producir resultados moi productivos, “ata o punto que moita xente nos di que Ponte Caldelas está de moda”.
As tapas seguirán a ofrecerse ao prezo único de 2,50 euros, incluíndo unha bebida básica. Séguese así a estela do “Caldelas Tapas” deste pasado mes de xullo, que foi todo un éxito ao superar todas as previsións e alcanzar a cifra de 5.000 tapas vendidas ao longo de cinco fins de semana.

Deja un comentario