+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Uxío Benítez anuncia obras para eliminar un punto negro na estrada provincial entre Cerquido e Borraliño en Salceda de Caselas


O deputado provincial de Mobilidade subliña que o redeseño do cruce “é fundamental para mellorar a seguranza viaria”

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou que a Deputación provincial realizará obras de mellora na estrada provincial EP-2503 entre Cerquido e Borraliño (Salceda de Caselas) para eliminar un punto negro que coincide coa intersección con dúas estradas municipais. Segundo Benítez, prevese que a actuación, que ten un orzamento de licitación de 115.745 euros, estea finalizada na primavera.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación de Pontevedra está a priorizar as actuacións relativas á seguranza viaria, dándolle “prioridade absoluta” á mellora e reforma de zonas de alta sinistralidade. “Temos identificados puntos perigosos en toda a provincia aos que estamos dando solución. No caso de Salceda de Caselas a demanda de acondicionamento deste cruce é histórica, polo que atendemos a solicitude do alcalde”, sinalou o nacionalista.

Benítez anunciou hoxe as obras ao rexedor de Salceda de Caselas, quen solicitara a actuación nun encontro xusto antes do verán. A partir de aí mantivéronse varias reunións técnicas entre a Deputacion e o Concello de nas que se certificou a conveniencia de mellorar a intersección, sendo a solución a adoptar diferente á que a propia Deputación de Pontevedra plantexara anos atrás, consistente na instalación de dous illotes.

A partir de aí, os técnicos da Deputación realizaron un novo levantamento topográfico da zona para poder avaliar as mellores solucións posibles e contratouse unha asistencia técnica para a redacción do proxecto. Este incorpora a ampliación do radio de curvatura da estrada principal (EP-2503), así como o ancheamento do propio cruce na súa marxe oeste co fin de aumentar a visibilidade.

Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou Benítez, prevese a ocupación de nove parcelas privadas que permitirán crear unha nova área pavimentada para delimitar novas carrís de incorporación e agarda. En canto á pavimentación, farase un fresado e extensión dunha nova capa de rodaxe na calzada actual para corrixir os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido.

Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora. Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

Deja un comentario