+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

Arévalo solicítalle á Xunta un informe xurídico das condicións reais do convenio do Transporte Metropolitano e as consecuencias legais do seu incumprimento


A alcaldesa de Mos considera que todos os viaxeiros deben ter a mesma tarifa de 0,85 euros ao marxe das bonificacións particulares que cada concello queira facer

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou hoxe a súa preocupación tras comunicacións previas co seu homónimo vigués, Abel Caballero; quen lle manifestou a súa intención de que non paguen o mesmo prezo de 0,85 euros polo Transporte Metropolitano todos cidadáns dos diferentes concellos da Área.

Arévalo considera que, de producirse dita situación, estarían a existir cidadáns de primeira (os veciños e veciñas de Vigo) e de segunda (os dos demais municipios da Área Metropolitana). Así mesmo a rexedora local mosense aclara que “unha cousa é a Tarxeta Verde do Concello de Vigo e outra é a Tarxeta Metropolitana, que ten que ser común a todos e que serve para viaxar por tódolos concellos metropolitanos e coa que todos os seus usuarios teñen que ter os mesmos beneficios e condicións, entre eles a tarifa única de 0,85 euros; por exemplo, se habitantes de fóra de Mos e integrantes da Área viaxan no Transporte Metropolitano enlazando co bus urbano mosense, ó facer trasbordo a este último van a recibir o mesmo trato e viaxar nas mesmas circunstancias que se fosen veciños de Mos, e o contrario non tería sentido nin razón de ser”.

E ademais é que a reforma da Lei da Área Metropolitana de Vigo, aprobada polo Parlamento de Galicia establece literalmente que:

1. “A efectiva posta en funcionamento da Área Metropolitana de Vigo requerirá a previa integración efectiva do transporte urbano de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, logo da formalización do correspondente convenio de adhesión entre a Xunta de Galicia e o Concello. Esta incorporación realizarase nas mesmas condicións ca o resto dos concellos galegos adheridos ao plan, garantindo a igualdade de tratamento de todas as persoas usuarias”.

2. “Esta incorporación non supoñerá ningún incremento na achega prevista no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia para a Xunta de Galicia ou para os outros concellos, nin ningunha limitación ao numero de persoas usuarias.»

“É certo que moitos máis viaxeiros se dirixirán a Vigo que ao resto de localidades, pero é o normal posto que é a cidade cabeceira da Área Metropolitana”, explica Nidia Arévalo, quen entende que “as mesmas condicións para todos os cidadáns metropolitanos forman parte do asinado no convenio, sen embargo Caballero defende e argumenta o contrario”. É por iso que a alcaldesa de Mos pídelle á Xunta de Galicia o estudio pormenorizado do convenio e que sexa a administración autonómica a que informe de cales son as condicións reais nas que os 14 concellos metropolitamos entraron neste convenio.

Facendo referencia a dito convenio Arévalo considera que “o papel dí unha cousa mentres que Abel Caballero asegura a contraria, por iso solicito que a Xunta nolo aclare”. E a rexedora local mosense declara tamén que “persoalmente considero que Vigo ten que ser igual que outras cidades de Galicia que teñen Transporte Metropolitano e nas que as tarifas para viaxar nel son exactamente iguais para tódolos cidadáns metropolitanos, procedan do municipio que procedan”.

É máis, no caso de materializarse a decisión de Caballero de establecer distintas tarifas para o Transporte Metropolitano, en función de que o usuario do mesmo esté empadroado en Vigo ou en outro lugar, podería supoñer o incumprimento das condicións establecidas no convenio de adhesión do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, e en consecuencia, o incumprimento do establecido na Disposición Adicional Decimoprimeira da Lei 4/2016, do 27 de xullo, pola que se modifica a Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

“É por todo isto”, concluiu a alcaldesa de Mos, “que me dirixo á Vicepresidencia da Xunta de Galicia para solicitar un informe xurídico que aclare as consecuencias legais no caso de producirse o suposto descrito, e especialmente se a diferenciación de tarifas indicada incumpre os termos do convenio de adhesión ao Transporte Metropolitano de Galicia, e como afectaría esta posible decisión á constitución da Área Metropolitana de Vigo”.

Deja un comentario