+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

Cubela anuncia a ampliación da Casa do Pobo de Augasantas para 2017 no marco do Plan de Centros Veciñais


“Trátase dunha das parroquias máis importantes e dinámicas e precisa de máis espazo para as súas actividades sociais e culturais”, explica

O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a ampliación e modernización da Casa do Pobo de Augasantas para o vindeiro ano no marco do Plan de Centros Veciñais 2019, co que se pretende mellorar todos os locais das parroquias na presente lexislatura, da que aínda restan 30 meses.

Cubela, que mantivo un contacto coa veciñanza de Augasantas por mor do seu tradicional e concorrido magosto, explicou que a intención do goberno local, no marco do cronograma definido no mencionado plan, pasa por comezar a definir o proxecto da súa Casa do Pobo collendo o testemuño de Borela e Rebordelo. Esta actuación contará cun investimento aproximado de 40.000 euros.

A decisión do executivo local é dotar de consignación orzamentaria a este proxecto para 2017 ben de xeito directo e con fondos propios ben a través dos plans de obras e subvencións que se asinan con outras administración públicas. Nestas datas, nas que se vai comezar a elaborar o Orzamento Municipal, o primeiro conxunto tras a fusión entre Cotobade e Cerdedo, definirase o financiamento e os prazos, pero a intención é que a mellora e ampliación quede rematada no vindeiro exercicio.

“Trátase dunha das parroquias máis importantes e dinámicas do noso concello e cremos que precisa de máis espazo para atender as súas necesidades e para celebrar axeitadamente as moitas actividades sociais e culturais que organiza ao longo do ano”, manifestou Cubela, que precisou que no cronograma que baralla o goberno “xa lle toca a quenda a Augasantas para cumprir co noso compromiso de mellorar todos os locais sociais ata o ano 2019, que marca o fin deste mandato municipal”.

Así, tras deixar perfiladas as melloras da Casa do Pobo de Rebordelo por un importe de 36.000 euros, agora centrará os esforzos económicos en Augasantas, co cal só restarán por acondicionar o local de Almofrei e a Casa do Emigrante de Carballedo e afrontar a construción do novo centro veciñal de Tenorio.

Deja un comentario