+034 986 09 02 04 Luns 22 de Xaneiro de 2018

As obras de adecuación dos miradoiros de Fichocas e de Guillade en Crecente comezaron


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destina máis de 30.000 euros á execución destes traballos, cofinanciados con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou as obras de adecuación dos miradoiros das Fichocas e de Guillade, no Concello de Crecente. Trátase dunha actuación por un importe de máis de 30.000 euros, que conta con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A partir do luns, os técnicos estará pola zona de actuación coa previsión nas seguintes xornadas iniciar os traballos de mellora.

O obxectivo desta actuación é adecuar un miradoiro sobre o río Miño ao carón da estrada que une os lugares de Os Padrosos e Rebordechán, denominado como Miradoiro das Fichocas. Tamén se pretende sinalizar unha zona de aparcamento e acondicionar un camiño que une o aparcamento e o miradoiro das Fichocas e se acondicionará o acceso e a contorna do miradoiro de Guillade.

Dende estes miradoiros visualízanse lugares moi emblemáticos do Concello de Crecente, como o amplo meandro do río Miño de case 360 graos e con abundante vexetación, que resulta moi atractivo dende a cota do miradoiro. Tamén se aprecian as pontes entre Filgueira e Cortegada.

A menos de 100 metros da situación prevista para o miradoiro existe un terreo adecuado para a construción dun aparcamento de vehículos. Este miradoiro estará situado nunha antiga curva, hoxe fóra de uso, da estrada que une A Cañiza e Filgueira (PO-406).

Dende a Consellería de Medio Ambiente destácase que esta actuación cumpre co obxectivo de recuperar espazos naturais e da súa posta en valor, co fin de que o conxunto da sociedade goce das paisaxes desta área galega.

Deja un comentario